A veciñanza de Laxe sae á rúa contra a guerra en Ucraína
Non é allea a Costa da Morte ao comezo do conflito bélico en Ucraína. Esta pasada tarde de xoves 24 de febreiro, a veciñanza realizaba unha concentración
Recuperando aquel mítico “Non á Guerra” de Irak, as pancartas rezaban cousas como “A guerra é un fracaso da política e da humanidade”.
Este foi o manifesto, que nos axuda a poñernos tamén en contexto.
Manifesto para a concentración contra a guerra en Ucraína
A guerra en Ucraína empezou oficialmente hoxe, mais leva oito anos activa, sabemos que é ante todo un conflito de orde estratéxica.
Ucraína é a guinda do pastel conformado polas repúblicas socialistas/ e exsoviéticas. Desde o final da guerra fría, os EEUU levan facéndose a pequenas racións con este suculento pastel. 30 anos máis tarde, esta é a porción máis grande e ambiciosa. Tanto que deu para declarar outra guerra.
Sabemos, por Irak, por Siria, por Afganistán, polo acontecido décadas atrás en tantos países de América que tiveron a mala sorte de ser veciños dos EEUU ou de ter materias primas atraintes, que as guerras sempre son unha escusa para disputarse o control e o dominio dunha zona estratéxica.
A guerra en Ucraína é como unha partida de xadrez entre dous dementes: os gobernantes de EEUU e de Rusia. Unha partida onde o resto de gobernos europeos exercen como simples comparsas. É un exemplo máis da barbarie duns e da ineptitude dos outros. Unha partida que comezou ao final da Guerra Fría.
A guerra é un fracaso da política e da humanidade.
Ademais, está a amosarnos que Europa, a través da OTAN, exerce como un títere do goberno de Washington, que converteu Europa nunha base militar. O seu taboleiro de xogo. Os nosos gobernantes, do partido e ideoloxía que sexan, levan décadas permitíndoo.
Abonda de servilismo a unha causa asasina!
Nós non somos cómplices da doutrina do destino manifesto, é dicir, da pretensión de EEUU de crer que son o pobo escollido para dominar o mundo desde o Atlántico ao Pacífico. A nós, vilas do atlántico norte, tráenos sen coidado o destino deste imperio decadente e sanguinario. Dicímolo ben alto! Non somos as súas colonias.
Insistimos, EEUU leva 30 anos gañando terreo en Europa e asentando bases militares en torno a Rusia. Imaxinades un escudo nuclear ruso en Guatemala ou en México ou en Canadá? É o que está facendo EEUU en Polonia e Romanía, por exemplo.
Non queremos que nos tomen o pelo nin os medios de comunicación nin os nosos propios gobernos. Viñemos e xuntamonos aquí porque compartimos un sentir común, que é dicir non á barbarie. Queremos que cesen os enfrontamentos por parte do aparato militar ruso e queremos que a OTAN abandone as súas pretensións no solo deste continente.
Oxalá Europa puidese un día dicir con dignidade: “eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino”.