A Depuradora de Malpica segue buscando ubicación


Continúa a Depuradora de Malpica sen atopar o seu sitio. I é que Portos de Galicia vén de rexeitar, unha vez máis, a petición presentada polo Concello de Malpica para a cesión dunha parcela na zona portuaria para a construción da depuradora municipal.
O ente público considera que o porto non é o lugar axeitado para a instalación desta infraestrutura, dada a intensa actividade relativa á pesca fresca que se desenvolve na zona portuaria de Malpica e a proximidade ao mar.
Portos de Galicia considera inviable a proposta do Concello posto que requeriría a demolición parcial de casetas de departamentos, absolutamente imprescindibles para os mariñeiros, o que confronta coa eficiencia de xestión pretendida. Por outra banda, a aceptación deste proxecto suporía unha intervención no paseo marítimo, recentemente construído por Portos, obrigando, tamén, a un derribo parcial, irracional dende a perspectiva autonómica.
Vai máis alá o ente público e critica que, "con esta solicitude, o goberno local de Malpica amose a súa consideración marxinal do porto, un espazo que parece entender só como emprazamento dun aparcadoiro disuasorio e unha depuradora, fronte á posta en valor da actividade específica destas instalacións que se pretende dende Portos de Galicia". Lembra ademais o organismo autónomo que, "tanto o pretendido aparcadoiro como a depuradora, son competencias da administración municipal, polo que é o Concello quen debe darlles solución, sen derivar o problema cara a outras administracións supramunicipais".
E mentres Portos de Galicia, do PP, e O goberno de Malpica, do PSOE, seguen enzarzándose publicamente, a depuradora segue sen poder instalarse e os verquidos seguen caendo ao mar.
Novas relacionadas
- 10-08-10: Denuncian un verquido de fecais na praia de Malpica.
- 13-05-10: A Xunta pide construir a depuradora de Malpica no Monte da Plancha .
- 09-02-10: A EDAR que nunca tivo Malpica .
Fonte
- Nota de prensa de Portos de Galicia.