A Mostra da Olería de Buño quere voltar ao Centro Comarcal


Apenas empezamos o ano e por Malpica xa están a pensar no evento máis importante do curso. O comité organizador da Mostra da Olería de Buño reuniuse onte para empezar a preparar a 31 ª edición da feira artesanal, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto. A elección das datas foi o primeiro acordo adoptado, aínda que tamén se estudaron algunhas propostas de cara a seguir mellorando e potenciando unha das citas artesanais de referencia dentro da comunidade galega.
Unha das cousas que quedan no aire é a posibilidade de utilización do antigo Centro Comarcal de Bergantiños. Tras dous anos de abandono por asuntos económicos (nin Concello nin a Xunta queren facerse cargo dos máis de 60.000€ que custa mantelo anualmente, noutro exemplo de construción a golpe de megalomanía centrándose no continente sen ter pensando o contido), o Concello de Malpica asegura que "fará as xestións necesarias" para que a 31º Mostra de Olería de Buño poida voltar ao antigo Centro Comarcal, o verdadeiro epicentro da olería nos últimos anos.
Haimas e actividades paralelas
Neste sentido, o comité organizador coincidiu no bo resultado do sistema de haimas habilitado na pasada edición para acoller os postos de exposición e venda dos artesáns e das tendas de Buño especializadas en olería.
Así mesmo, potenciaranse as actividades paralelas, e este ano abriranse tamén as portas a creadores plásticos para que expoñan a súa obra coincidindo coa Mostra da Olería. Esperemos que unha das actividades vaia enfocada á arqueoloxía, e que o proxecto de recuperación da Croa do Castro poida incluirse nos itinerarios.
Comité
Á reunión de onte asistiron, en representación do Concello de Malpica, o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo. A Asociación Oleira de Buño estivo representada pola súa presidenta, Carmen Isabel Labrador; o secretario, Eloy Mancebo, e o tamén oleiro José Antonio Lista. Ademais, no encontro participaron o técnico de Cultura do Concello, Antón Noceda, e o xerente do Ecomuseo Forno do Forte, Paco Doval.
Últimas Mostras
- 2013: Unha longa semana de olería para celebrar 30 anos de Mostra.
- 2012: O turismo mantén viva a Mostra de Olería de Buño.
- Mostra 2010: Unha Mostra de relevo.
- Mostra 2008: Unha semana enteira de barro en Buño.
Novas relacionadas
- Croa do Castro: A arqueoloxía oleira.
- 02-12-12: Pecha o Centro Comarcal de Bergantiños de Buño.
- As 9 Festas Turísticas da Costa da Morte.
- Os oleiros multiplícanse por Malpica.
- De obsequio institucional da Deputación, unha peza de Buño.
- A olería de Buño e as atadoras de Corme amosan a tradición costeira a toda Galicia.
- Un oleiro en perigo de extinción.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).