A obra colectiva O episodio, gañadora do IX Certame de Poesía Erótica de Malpica


Pioneiro é este IX Certame de Poesía Erótica que pon a Malpica no panorama literario galego. Na súa novena edición, a obra gañadora foi o poemario “O episodio”, obra realizada a catro mans, por Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado.
O xurado deu a coñecer o fallo na Cea das Letras celebrada onte no restaurante A Cunca, de Buño, na que tamén se presentaron as obras premiadas na pasada edición, xa publicadas. Curiosamente, unha delas é “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”, pola que Verónica Martínez obtivo un accésit no 2013. Pero as casualidades non rematan aí, xa que o coautor de “O episodio” foi o gañador da segunda edición do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica. Nesta ocasión Alberte Momán e Verónica Martínez escribiron a catro mans a obra seleccionada polo xurado entre as 24 presentadas, unha proposta literaria “arriscada”, segundo os privilexiados membros do xurado. O resto do público terá que esperar para opinar a que vexa a luz dentro dun ano.
A concelleira de Cultura de Malpica, Noelia Freijeiro, e o secretario da Asociación Cultural Caldeirón, Paco Souto, foron os encargados de dar a benvida aos convidados, unha trintena, e de entregar o premio á parella gañadora, que ademais da contía en metálico foi agasallada con dúas pezas tradicionais de olería.
Outro dos protagonistas da noite foi o arousán Ramón Neto, gañador do VIII Certame de Poesía Erótica polo poemario “Dominio público”, ilustrado por Peter Kramer, que tamén acudiu á Cea das Letras. Ramón Neto viaxou a Malpica dende Bruxelas, onde reside dende hai 16 anos e onde forma parte do colectivo Couto Mixto, que se dedica á difusión da cultura galega na capital europea.

E aquí, repasamos as Obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas:
- “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro.
- “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán.
- “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira.
- “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez.
- “Amantes”, María Lado.
- “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro.
- “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde.
- “Dominio público”, Ramón Neto.
- “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán.
Novas relacionadas
- 2014: Malpica reforza o seu papel de capital da poesía erótica en Galicia cunha nova edición do certame Illas Sisargas.
- 2013: O Certame de poesía Illas Sisargas xa é de “Dominio Público”.
- Os poemas eróticos das Sisargas teñen nome bíblico.
- 2012: Os Amantes de María Lado.
- 2011: Os versos erotizan as Crebas das praias das Sisargas.
- 2009: Malpica entrega os premios máis quentes.
Fonte
- Concello de Malpica.