mércores. 26.03.2025
El tiempo

A pintura e a poesía bergantiñás invanden Malpica

A pintura e a poesía bergantiñás invanden Malpica
Rosalia-Fernandez-Rial-e-Paco-Souto Un Mar de Sensacions

Fin de semana cultural en Malpica. E con Denominación de Orixe Bergantiños, pois falamos de artistas como Mon Lendoiro, Paco Souto ou Rosalía Fernández Rial os que toman o protagonismo.

Os veciños de Malpica seguen a gozar do programa Nos Tempos das Letras, que esta fin de semana inclúe propostas para todos os gustos. As primeiras serán mañá venres. Ás 18.00 horas, dentro do ciclo Venres na Biblioteca, a compañía Lisístrata interpretará “Contando en femenino”, unha obra especialmente dirixida ao público infantil, de entre 3 e 12 anos.

Dúas horas despois, ás 20.00, comezará no Centro Cívico a representación de “Tempo Escuro”, un espectáculo de poesía, música e fotografía da Asociación Cultural Caldeirón. “Tempo escuro” é o encontro de dúas poéticas ben diferenciadas mais perfectamente compatibles: as de Rosalía Fernández Rial e Paco Souto, acompañado ademais pola pintura de Chiña Costa Valiño e Mon Lendoiro.
Pero, sobre todo, é unha maneira de entender a posta en escena que trascende a idea de recital de poesía. O punto de partida é a proposta fotográfica de Peter Scheneider e o seu “Tempo escuro”, un traballo magnífico arredor do “Prestige” pero que vai máis alá da protesta e do desastre ecolóxico para enchernos de texturas e matices de grises e un xogo constante entre abstracción e figuración. A todo ilo engádese o bo facer de Serxio Moreira ao piano e sintetizadores, que contribúe a construír un recital denso e preciso e á vez en perpetua evolución, pois o espazo no que se insire é máis que anécdota e modifica necesariamente o discurso.

E se o sábado é a inauguración, a exposición das pinturas de Chiña e Mon “Un mar de sensacións”, poderá visitarse do 24 de maio ó 15 de xuño.

Sábado teatreiro

O sábado continuará o programa Nos Tempos das Letras con outras dúas propostas. Ás 17.30 horas, na Casa do Oleiro, en Buño, Maratón de teatro infantil fin de curso, co Obradoiro de Animación Teatral do Concello de Malpica, que representará “O caso de Nucha e Mucha”, “A voda”, “O velorio”, “Imos a por todas”, “E se con iso abonda…”, todas elas a cargo dos grupos de Malpica, e “O problema das pingueiras” e “O auto do mariñeiro”, a cargo dos grupos de Buño. Ás 20.30, no espazo expositivo do Centro Cívico será inaugurada a mostra “Un mar de sensacións”, dos artistas carballeses Mon Lendoiro e María José Costa, “Chiña”. No acto participarán tamén Paco Souto e Rosalía Fernández Rial.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios