Sábado. 25.06.2022
El tiempo

A veciñanza de Cerqueda interesouse polos trámites de amplación do cemiterio parroquial

A veciñanza de Cerqueda interesouse polos trámites de amplación do cemiterio parroquial
O xerente de Vitureira Bouzas presentou o seu proxecto ós veciños da parroquia

Con puntualidade espartana, a directiva en pleno da Asociación de Veciños Monte d’Arxa de Cerqueda (Malpica de Bergantiños) informou a un cento de persoas que onte domingo se achegaron ás 5 da tarde ó salón de actos do local social das Pozacas sobre os actuais trámites e proxectos de ampliación do cemiterio parroquial.

A sesión comezou cunha lectura explicativa da lexislación civil e canónica que rexe a construción dun cemiterio parroquial, proseguiu cunha detallada exposición dos trámites realizados por Monte d’Arxa para a ampliación do cemiterio e rematou cun apartado de rogos e preguntas que contou cunha elevada participación dos alí presentes.

Estes, entre outras cuestións, manifestaron que calquera obra que se faga no cemiterio debería ser exposta antes a toda a parroquia. A partir destas intervencións veciñais, Monte d’Arxa elaborou un catálogo de demandas que remitirá ó párroco local, ó alcalde de Malpica de Bergantiños e ó Arcebispado de Santiago de Compostela, ademais de expoñelo en lugares públicos da parroquia para que aqueles veciños que non estiveron presentes na reunión poidan saber do alí acordado.

Ademais, tal como prevé a lexislación canónica vixente, nesa reunión propúxose crear unha “comisión parroquial de economía”, inexistente en Cerqueda, para que vele pola legalidade ‘económica’ da ampliación do cemiterio. Para a citada comisión inscribíronse as seguintes persoas: Basilio Ceán Castiñeira, Ernesto Chouciño Calvo, Manuel Chouciño Garrido, José Costa García, Basilio Ordóñez Varela, Gervasio Suárez García e Luís Varela Castro.

Proxecto dunha empresa local

Por outra banda, a empresa local Construcións e Reformas Vitureira Bouzas, fóra da orde do día, expuso ós presentes dous proxectos de ampliación: un para 60 panteóns e outro para 84. Ambos proxectos construiríanse no interior do cemiterio actual pero sen resultar impactantes para os panteóns existentes.

Próxima convocatoria

Nesta mesma sesión, acordouse que Monte d’Arxa convocase para as 17 h do domingo 28 de outubro ó párroco eventual de Cerqueda e a outra empresa de fóra da parroquia que está interesada na obra para que expoñan á veciñanza o seu proxecto.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da A.VV. Monte d’Arxa.

comentarios