Aberto o prazo para participar no mítico Concurso de Barcanas e Castelos de Area

O Concello de Malpica de Bergantiños, mentres espera por unha finde espectacular coa Festa Galega e a Feira mariñeira, anunciou a celebración da XXIV edición do Concurso de Barcanas e Castelos de Area, que terá lugar o venres 22 de agosto de 2025 na Praia de Area Maior. A actividade, que combina creatividade e lecer familiar, contará con premios por valor de ata 130 euros en vales e trofeos.
A xornada comezará ás 10:30 horas, momento no que as persoas inscritas iniciarán os seus traballos. O tempo límite para rematar as obras será ás 13:00 horas. A continuación, abrirase o proceso de votación popular ás 13:05 horas, e ás 13:30 horas darase a coñecer o fallo do xurado, o resultado da votación do público e realizarase a entrega dos galardóns.
As inscricións poderán formalizarse nas oficinas xerais do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, entre o 11 e o 20 de agosto, ou o mesmo día do concurso na propia praia, entre as 10:00 e as 10:30 horas. Cada participante ou grupo, cun máximo de 10 persoas, poderá presentar unha única obra.
O certame desenvolverase en varias modalidades: amateur (maiores de 10 anos), premio especial do público, barcanas tradicionais e infantil (ata 10 anos).E repartiranse 250 euros en vales que se poderán trocar por produtos ou servizos en establecementos de Malpica de Bergantiños.