Arrinca a IX Mostra de Teatro de Malpica


Xa temos programación teatral para os meses de novembro e decembro en Malpica ca IX Mostra de Teatro de Malpica. Para variar o Concello, ademais de non informarnos (só nos chegan os apuntamentos da Concellería de Servizos Sociais, publica unha semana tarde o programa, pero dende aquí queremos facer partícipe da súa programación.
O pasado venres era Talía Teatro o que estreaba a Mostra co Método Gronholm e este venres será Caramuxo Teatro o que traia os seus desexos ás 20:30h co seu "E de maior quero ser...".
As citas serán todas no Auditorio do Centro Cívico do Concello de Malpica, organizadas polo Concello coa colaboración da Asociación Teatral Os Amigos de Malpica e outras administracións.
Venres 29 de novembro ás 20.30h: "Curriculum vitae. Redrum Teatro"
Unha comedia sobre entrevistas de traballo na que asistiredes, a través da invisible cuarta parede dunha oficina, a esas "curiosas" escenas que teñen lugar entre dúas persoas, cando unha delas está sendo xulgada pola outra para acceder a un posto de traballo. Humillación, enchufismo, ineptitude, mala hostia, abuso... vanse sucedendo nas cinco pezas que compoñen a obra. Premio María Casares ao mellor texto orixinal e Mellor música.
Sábado 30 de novembro ás 20.00h: "Facer o sueco. Grupo de teatro Badius".
Tomé está nun apuro: o seu xefe sueco do IKEA vén á Coruña devolverlle unha visita. Como é de orixe esquimó, en Suecia cedeulle a súa muller, pero Tomé non está disposto a facer o mesmo. Entón, xunto co seu amigo Casio, un home moi calculador, recorre a unha solución que vai ocasionar unha gran lea.
Venres 6 de nadal ás 20.30h: Go on!. Malasombra Producións
Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de penetrar nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea. "GO ON!" é unha emocionante novela de aventuras na que os seus protagonistas viven situación extremas como o terrible ataque do despiadado can de palleiro ou a entrevista a un porco no corredor da morte.
Venres 13 de nadal ás 20.30h: "Menciñeiros. Volta e Dalle Teatro"
O adro dunha igrexa polo serán, un momento propicio para o paseo e a parola. Por aquí circulan as historias dos menciñeiros retratados por Cunqueiro. Pepe Penabade e os músicos Mini e Mero daranlle vida a estes vellos menciñeiros que ven como o seu tempo esmorece. Os menciñeiros irán desfilando polo escenario, explicando as súas técnicas e os seus casos máis difíciles, botando unha peza de cando en cando para animar a velada.
Domingo 15 de nadal ás 12.00h: "A nena e o grilo nun barquiño. Urdime"
A que soa? A bicos roubados, á ledicia de atopar un equilibrio de expresión entre tradición e a contemporaneidade. A reafirmar a confianza na música como vehículo e vínculo interxeracional. A Beatles, harmonías vocais, retrousos contaxiosos, a arpas e zanfonas, a violíns , a arpexos de guitarra, silencio...
E que conta? A historia dunha viaxe iniciática onde o mundo se presenta como unha aventura por descubrir. Unha aventura amable e luminosa, mais próxima ao intercambio e a partilla que a concorrencia e a rivalidade.
Mércores 18 de nadal ás 11.00h: "Xango Z. Talía Teatro"
A moi extraordinaria Historia do hombre que foi engulido por unha máquina. Benvidos ó máxico e dixital mundo de Xango! Esta é a extraordinaria historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro se atopou, de tódalas aventuras que viviu, e dos arrepiantes perigos que tivo que afrontar.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).