As visitas escolares, o motor cultural do Forno do Forte
Cada curso pasan polo Ecomuseo Forno do Forte de Buño centos de estudantes, e sobre todo nestes últimos días intensifícase o ritmo de visitas ata tal punto que o oleiro José Antonio Corral tivo que ser reforzado varios días. A artesá Marilá Gómez demostrou que tamén é unha excelente docente. O éxito do ecomuseo obedece en gran parte ao importante labor de difusión que se leva a cabo entre os centros de ensino, explica o seu xerente, Paco Doval. Como consecuencia, este curso pasaron polo museo de Buño un total de 1.758 nenas e nenos de 31 colexios e institutos e Arteixo, Camariñas, Fisterra, Malpica, A Laracha, Carnota, Portosín, Santiago, Betanzos, Cee, Ordes, Ames, Cambre, Oroso e A Coruña. Foi o segundo ano de máis afluencia.
O Forno do Forte convértese cada curso no destino de centos de escolares chegados dende todos os recunchos da provincia. O ecomuseo ofrécelles a posibilidade de mergullarse na historia da nosa olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través dun percorrido que a nosa guía, Lola Martínez, sabe facer interesante para todas as idades. Pero os nenos e nenas, ademais, poden converterse por un día en artistas do barro. Para os máis pequenos, o oleiro José Antonio Corral organiza obradoiros que se desenvolven no cabanote, e que permite que moitas nenas e nenos teñan o seu primeiro contacto co barro, e cando os visitantes xa son alumn@s de instituto cédelles o seu posto no torno por uns minutos.
Aberto no verán
Pero aínda que o venres rematou o curso e os estudantes non regresarán ao Forno do Forte polo menos ata setembro, a actividade no museo non descende. De feito, coincidindo coa chegada do verán amplíase o horario de apertura para facilitar a veciños e veraneantes a visita ás instalacións. Deste xeito, o ecomuseo estará aberto de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 18 horas, e os domingos de 10 a 14.
Novas relacionadas
- Recunchos: Ecomuseo do Forno do Forte.
- Estreado o novo Forno da Costa.
- O Forno da Costa, listo para unha cocedura.
- Máis de 30.000 visitas aos 5 edificios históricos da Costa da Morte.
- Os oleiros levantan a Mostra de Olería de Buño.
- Buño recuperará o Forno da Costa.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).