Venres. 26.04.2024
El tiempo

Días de olería e arqueoloxía polas parroquias de Malpica

Días de olería e arqueoloxía polas parroquias de Malpica
Visita institucional para inaugurar o Forno da Costa
  • Xa estaba listo para unha cocedura dende o pasado setembro, pero faltaba a visita institucional a Buño en tempos de campaña para proceder á inauguración oficial. Deste xeito o Ecomuseo do Forno do Forte e o Forno dos Mourons xa teñen o seu curmán ben recuperado, para proceder xuntos a boas coceduras.

    Os oleiros que levantaron o ano pasado a Mostra de Olería de Buño, seguro que están contentos pola aposta por recuperar o patrimonio. Ademais, segundo incidiron os representantes municipais e provinciais, teñen un programa de Turismo Escolar para que os máis pequenos da provincia recorran a súa historia.

    Un oleiro explicando aos politicos como funciona o Forno da Costa

    Xornada de Voluntariado na Croa do Castro

    E esta fin de semana terá lugar a primeira xornada de voluntariado na Recuperación veciñal da Croa do Castro de Cerqueda. O proxecto, pioneiro en materia de Arqueoloxía Social, pretende recuperar historia da arqueoloxía oleira malpicá, e para iso, un completo equipo de arqueólogos, divulgadores e voluntarios, achegaranse á zona para proceder á primeira excavación.

    Non é outro que o divulgador cultural Manuel Gago o que dirixe esta iniciativa, xunto cos veciños de Cerqueda. Un Gago destaca as sopresas que depara aínda a Croa do Castro e toda a parroquia de Cerqueda, como o conta nunha entrevista realizada no blog do proxecto.

    No proxecto, no que colabora o concello, traballa un equipo multidisciplinar de tres arqueólogos, dirixidos por Fiodora López Patiño e coordinados por Manuel Gago, xornalistas e especialistas en turismo que pretende, coa axuda veciñal e voluntarios, reactivar culturalmente este espazo. Boa parte do castro é de titularidade municipal o que facilita as labores de posta en valor. A primeira acción que se vai levar a cabo vai ser a limpeza do castro, paso imprescindible para coñecer que tipo de estruturas hai, saber como actuar nelas e levantar un plano o máis preciso posible do sitio arqueolóxico. "O que descubriremos é o propio castro, xa que a limpeza fará que sexa máis visible na paisaxe e máis comprensible para a xente que queira vir a visitalo. Descubriremos tamén o seu gran parapeto e a planta interior, e quen sabe…", apunta Fiodora López. A limpeza vai ser levada a cabo por persoal especializado pero haberá pequenas zonas de singular interese para que veciños e voluntarios poidan participar no desbroce último do castro e das súas estruturas máis sensibles. Para iso, haberá dúas xornadas abertas á participación cidadá, unha este sábado, 28 de marzo, e outra o 11 de abril. Serán xornadas lúdicas, festivas e de contacto coa cultura científica. O traballo consiste, principalmente, na limpeza da croa do castro. O horario non será moi esgotador. Este sábado comezarase ás 10.00 da mañá e remataremos ás 13.30. A esa hora, os veciños e asociacións de Cerqueda serán agasallados cun “pasacroas”, a versión castrexa do pasarúas. Logo, ás 15.00 horas están previstos varios percorridos turísticos para que os veciños de Malpica, Buño e outros puntos da Costa da Morte poidan coñecer os sitios máis fermosos desta aldea.

    O programa da xornada será a seguinte:

    • 10.00 h. Benvida ao voluntariado.
    • 12.00 h. Parada ciclista a cargo da Agrupación Ciclista Castro da Croa.
    • 12:30 h. Visita guiada ao castro para voluntariado, asociados, veciñanza e visitantes.
    • 13.00 h. Pasacroa e tocada de música tradicional a cargo da A.C. Raigañas.
    • 13:30 h. Xantar campestre.
    • 15.00 h. Rutas (continuadas) en tren guiadas por Xabier Couto Castro. Saídas Malpica (bar Panchito).
    • 15.30 h. Rutas (continuadas) en tren guiadas por Xabier Couto Castro. Saídas Buño (O Empalme).
    • 16.00 h. Ruta e parada cabalar a cargo da Asociación Cabalar Os Veteranos.
    • 17.15 h. Ruta en tren para alumnado das actividades da A.C. Raigañas. Saída As Pozacas (local sociocultural).
    • 17:30 h. Merenda para voluntariado e finalización da xornada de limpeza.
    Manuel Gago dirixe o proxecto da Croa do Castro

    Novas relacionadas

    Fonte

  • Comentarios