Avanza a creación dun novo Centro de Saúde en Malpica

A Xunta e Concello de Malpica veñen de dar o primeiro paso para o proxecto de construción dun novo centro de saúde. A Xunta e o Concello avaliaron a proposta de parcela achegada polo propio Concello, e que pode cumprir coas necesidades requiridas polo Sergas.
A Xunta, na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, priorizou a construción dun novo centro de saúde en Malpica tendo en conta que o actual, de 26 anos de antigüidade e de titularidade municipal, ten carencia de espazos para a actividade asistencial necesaria e conta con importantes deficiencias tanto estruturais como no estado de mantemento.
A proposta será un novo centro de case 1.000 metros cadrados de superficie, con 3 consultas para adultos e unha de pediatría, e novos espazos para os profesionais como un despacho de coordinación, unha sala de estar ou vestiarios que non son posibles no actual inmoble polas súas carencias de superficie.
Novas relacionadas
A Xunta aproveita para lembrar que o Plan incluirá a reforma e modernización do Centro de Saúde de Carballo nun Centro Integral de Saúde, así como a mellora do Centro de Saúde de Vimianzo.