Avanzan as obras para rehabilitar o Teleclub de Buño
Que falta lle facía a un espazo vivo como o Teleclub de Buño un proxecto de rehabilitación. Este martes, a deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou as instalacións para coñecer as actuacións realizadas coa colaboración da Deputación e abordar coa entidade os novos usos sociais que terá o espazo unha vez rematada a rehabilitación.
A Deputación da Coruña financia con 12.000 euros as obras de reforma e acondicionamento dun edificio con moita historia e que segue moi vivo.
A axuda provincial permite acometer melloras no interior do local, entre elas a construción dunha nova parede de reforzo e illamento, o alicatado dos servizos, a instalación dun falso teito de pladur, a adquisición de dúas estufas de pellets para calefacción e a dotación de novo mobiliario. O obxectivo é garantir unhas instalacións máis dignas, confortables e adaptadas ás actividades que se desenvolverán no centro.
Coa rehabilitación do Teleclub, a asociación poderá poñer en marcha o programa “Acompáña-Te no Rural”, unha iniciativa destinada a crear redes de apoio, encontro e socialización para persoas que viven situacións de soidade, especialmente entre a poboación maior, pero tamén entre outros colectivos vulnerables.
