Cañizo: “40 anos de servizo público non os ten calquera”
Alfredo Cañizo vén de recibir unha fermosa homenaxe dos seus compañeir@s no Concello de Malpica. O edil vén de xubilarse despois de 40 anos como funcionario municipal. “40 anos de servizo público non os ten calquera”, sinala con fachenda. “Retírome como funcionario non como candidato pola alcaldía de Malpica”, puntualiza.
Un Cañizo que afronta as súas 8ª eleccións, despois de manter presenza no pleno dende 1995. Volve co seu “partido de sempre, AIM”, tralo seu efímero paso por Ciudadanos (“Se cadra foi un erro saír das miñas siglas”, recoñece).
E volve coa seguridade de que volverá ser “chave de goberno”, unhas eleccións máis. “É moi gratificante escoitar que a xente vota a “Cañizo”. Uns votan ao PP, outros ao PSOE, outros ao BNG e outros “a Cañizo””, sinala orgulloso de que a veciñanza saiba que “eu fago todo polo pueblo”.
Sempre co sorriso por diante, defende que “a min non deixou de falarme ninguén nunca”, se cadra porque “nunca estiven na política por cartos, eu fixen de todo, tiven un ciber, un bar, traballei no Aldeola…” ou se cadra porque “non sei calar algunhas cousas… Creo que os políticos deberían falar máis en alto coma min”.
Veremos que acontece o vindeiro 28 de maio pero el ten claro o obxectivo: “A miña ilusión sempre foi alcalde de Malpica, aínda que sexa por un día”.