Martes. 11.05.2021
El tiempo

Carmen Reigía: “En cidades como Coruña, Santiago ou Ferrol non hai tanto apoio comunitario como hai na Costa da Morte”

  • “Traballar nunha institución como a C.V. dache esa satisfacción persoal de que cando ves os logros, non ves os números económicos, ves toda a xente que axudamos”.
  • “O voluntariado que vai a asemblea local é un voluntariado máis fiel e que vale para todo”.
CruzRoja_CarmenReigia
Carmen Reigía, na sede da Cruz Vermellana Coruña
Carmen Reigía: “En cidades como Coruña, Santiago ou Ferrol non hai tanto apoio comunitario como hai na Costa da Morte”

Carmen Reigía, natural de Cerqueda, é a Coordinadora Provincial da Cruz Vermella na Coruña. Outra malpicá que triunfa no eido laboral, e que segue moi vinculada coa súa comarca.

Falamos con ela, longo e tendido de experiencias vitais e servizo á cidadanía.

 
  • QPC: Onde te criaches? Como foi a túa infancia?

Nacín en Cerqueda, son moito da Costa da Morte. Crieime cos meus avós, porque meus emigraron, como moitísima xente da Costa, ata que volveron meus pais cando eu tiña 9 anos. E toda a miña infancia foi alí, na Unitaria de Cerqueda, e despois ao colexio Milladoiro, que o estreamos a miña xeración. O IES fíxeno no Alfredo Brañas de Carballo e aos 18 anos marchei da casa, e viñen estudiar a Coruña e xa non retornei a Cerqueda.

 
  • QPC: Levas moitos anos vivindo na Coruña pero a tua vinculación segue sendo máxima con Cerqueda, non?

Si, somos dos emigrados á cidade de semana, pero que retornamos ao niño cada fin de semana.

 
  • QPC: Agora que crías ao teu fillo na Coruña, botas de menos crialo nunha aldea?

Boto de menos parte das vantaxes que che dá vivir nunha aldea: o campo, a lberdade… sobre todo nesta época de pandemia, que unha cidade limítate moitomáis, e máis con nenos. Pero tamén é certo, como eu por sorte sigo tendo un vínculo con Cerqueda, vou todas as fins de semana, e o meu fillo pode disfrutar do campo, de sachar, de xogar ao fútbol no xardín… co cal esa parte que a cubro con ese respiro de fin de semana.
A verdade que durante o ano pasado, si que te das conta o te afogas nunha cidade sen esas posibilidades que che dá a aldea.

 
  • QPC: A que recuncho nunca deixas de ir?

Teño varios recunchos que me encantan. Un é a casa dos meus pais, na que me criei, e que para min é unha desconexión total. Pero despis gústame ir aos Muíños da Ribeira, un lugar que me trae moitos recordos da infancia, que ía co meu pai e meu avó a buscar percebes, e véndoo agora non entendo como podía facelo con 5 anos…
Tamén me gusta moito ir ao río da Fonte, é un río de lavar, que íamos xogar cando eramos pequenas. É outro sitio que me trae moitos recordos.

 
  • QPC: Estudiaches Náutica. Por que?

Un pouco por vinculación de meu pai e meu avó ao mar, porque aínda que non eran mariñeiros, sempre fomos unha familia con moitísima vinculación con mar. Eu de pequena tiña dúas patas, por un lado sempre pensaba que me gustaría levar un barco algún día, víame de capitana. Por outro lado, como meu pai traballaba na construción, pensaba que quería ser arquitecta. Tras facer Selectividade pedín Arquitectura de primeira, pero non entrei, e fixen Náutica e foi o mellor que puiden pasar. Tiven unha experiencias marabillosas.

 
  • QPC: Ao final serviuche para entrar na Cruz Vermella, non?

Despois de facer Náutica, estiven embarcada; fun a Barcelona a traballar nunha multinacional de portacontedores, de importación de Carrefour e Día dos país do este a España. Estaba encantada nesa empresa. Pero ao final, esa morriña tan galega foi o que me fixo retornar. Botaba de menos a familia, a casa. E un Nadal que viñen de vacacións, vin a oferta de buscaban un resposanble das Bases Salvamento Marítimo na Cruz Vermella, e botei o CV, fixen a entrevista, e eu son das que penso que cando pasa o tren hai que collelo. E para aquí me viñen.

 
  • QPC: Como é o cambio dunha multinacional a unha ONG como a Cruz Vermella?

Non teñen nada que ver. Nunha empresa privada, ti traballas para un empresario, un xefe, e os resultados teñen que ser bos polos obxectivos económicos, polo negocio. Aquí, nunha institción como a C.V., traballamos por e para as persoas, sexa no eido que sexa. A responsabilidade social é moito maior, porque nunha empresa podes ter uns malos números, e ao xefe pode que non lle guste; pero aquí débeslle o teu traballo á sociedade, que estás para axudar á xente.

 
  • QPC: Como responsable de Emerxencias de toda Galicia, tocouche vivir de primeira man sucesos como o de Angrois ou o de Tomas Velicky, aquel rapaz eslovaco que se lanzou ao mar do Orzán e arrastrou cara a morte a tres Policías Nacionais. Como lembras aqueles sucesos? Que aprendiches?

Tras un ano en Salvamento, entrei na Dirección do Centro de Coordinación de Emerxencias de Galicia, estiven 9 anos. Aprendín moitísimo. Dache experiencias boas e malas, pero sobre todo moitas táboas para saír de situacións complicadas e intentar ser resolutiva.

O momento máis complicado de toda a miña traxectoria profesional foi o accidente de Angrois. Foi a traxedia máis importante que houbo en Galicia, e coordinar todo o dispositivo, dende o momento cero, dende o lugar de orixe, ata coordinar o dispositivo de apoio ás familas, foi moi complicado. Aínda que o momento da evacuación é moi duro, o das familias foi desgarrador.

 
  • QPC: Cal é o teu traballo na actualidade, en que consiste? Botas de menos as Emerxencias?

Dende 2017 son a Coordinadora Provincial da Cruz Vermella na Coruña, e o meu traballo consiste en coordinar todas as áreas de actividade, socorros, educación, emprego, saúde e inclusión social e medioambiente; e coordinar con todas as asembleas locais. Saín un pouco da trinchera e agora estou na retaguardia.
É un traballo completamente distinto ao que facía en emerxencias, pero creo que dos postos que hai en Cruz Vermella é o máis enriquecedor. Dache a oportunidade de ver toda a realidade, toda a incidencia, toda a xente que axudamos, todo o que conseguimos. Traballar nunha institución como a C.V. dache esa satisfacción persoal, de que cando ves os logros, non ves os números económicos, ves toda a xente que axudamos. O esforzo do voluntariado, por exemplo, son cousas moi gratificantes.

  • QPC: Como é a relación entre a central da Coruña e as delegacións da Cruz Vermella na Costa da Morte ?

Coordinados a área Bergantiños (que ademais da Asemblea de Carballo tamén ten as dúas bases de mar de Laxe e Malpica, a Asemblea Comarca de Fisterra que ten a súa sede en Cee; e a de Soneira que ten a sede en Vimianzo.
A verdade é que todas as técnicas locais son para poñer de exemplo, co seu esforzo, mobilizando mogollón de voluntariado. Tanto Santi en Cee, Fátima en Vimianzo, Ana e Gema en Carballo, están sempre dándoo todo. Son referentes, e a xente os ten de referencia. Son a nosa cabeza na comarca, e contan co apoio co apoio das presidencias, que apoian á provincial en todo o que fai falla.
En cada zona faise unha análise de realidade local e as necesidades, e intentamos adaptarnos ás necesidades de cada territorio.

 
  • QPC: Son distintas as necesidades das nosas comarcas rurais coas das cidades?

Non ten nada que ver as necesidades en Bergantiños que na Coruña ou Ferrol. Nunha comarca como Bergantiños é unha atención moito máis individualizada, máis directa, son axudas moito máis integrais, porque cando as persoas chegan á oficina, xa vemos a realidade completa das súas necesidades. E nunha asemblea como Coruña, hai xente que entra en proxectos máis concretos. Hai moito máis abano de ofertas, pero vén buscando unha axuda concreta.

Hai realidades distintas. Na Coruña traballamos moito con persoas sen teito, e na Costa da Morte practicamente non hai. Tamén é certo que en cidades como Coruña, Santiago ou Ferrol non hai tanto apoio comunitario como hai na Costa da Morte. Cando falamos do programa de maiores, en aldeas, pobos pequenos, o apoio comunitario, é diciri, os veciños, si que fan esa labor.
Aquí na Coruña unha veciña vive soa no 3º, e no 1º os veciños non saben nada. Hai que facer un traballo moito máis laborioso para traballar en comunidade. En cambio, en zonas pequenas, coñécense todos, e non fai falta que esteamos tan presentes, porque son os propios veciños os que se ocupan de axudar. O o apoio comunitario da veciñanza é unha gran vantaxe dos pobos que a sociedade non lle dá o valor que ten.

 
  • QPC: E como é o voluntariado? Hai moita diferencia?

En canto ao voluntariado, non hai moitas diferencias. Nas cidades hai máis resposta porque hai máis xente, e chegan perfiles moi diferentes, maiores, xente nova… axudas esporádicas… A diferencia é que o voluntariado que vai a asemblea local é un voluntariado máis fiel e que vale para todo: axudan para ir ao médico, axudan a chamar aos usuarios, axudan a entregar alimentos… o compromiso é moito máis arraigado nas asembleas locais que nas cidades, onde tamén son comprometidos, claro.

  • QPC: Como cambiou todo coa pandemia?

Fíxonos cambiar a pasos axigantados. Vímonos dunha semana a outra, en estado de alarma, todos na casa, todo pechado pero nós como institución, tiñamos que estar apoiando á sociedade nese momento de emerxencia. Mantivemos en todo momento as portas abertas das nosas sedes. Pasamos de traballar a un ritmo do 100% ao 200%, con todo tipo de demandas, con situacións que entraban, e nos tivemos que reinventar, de facer todo presencial, a adaptarnos tecnoloxicamente. Tivemos que solventar problemas e vivimos como é a brecha dixital que está aí moi presente, e non só polo descoñecemento, senón porque a xente non ten infraestrutura para ter dous fillos facendo os deberes online cun móbil.
Estou moi orgullosa de como se fixo, entre os técnicos locais, conseguimos dar unha resposta á xente das necesidades moi áxil dentro da situación que vivimos.

 
  • QPC: Como está sendo a volta á normalidade?

Está sendo, se cabe, un pouco dura. As restricións non nos deixa volver de todo. Non podemos volver traballar de xeito presencial cos nosos usuarios. Aínda así si que creo que atopamos un equilibro entre o pouco presencial que podemos facer e e online.

 
  • QPC: Non provocou a pandemia algo de deshumanización no trato cos usuarios, agora que non se pode falar tanto cara a cara?

Aquí todas son persoas, nunca pasaron a ser números. Seguimos tendo contacto directo con eles, mesmo por teléfono, e para nós son persoas completas, cada un coa súa mochila e sabemos que para eles a institución é case parte da famila.

Hai un documental “Regueiros”, que cómpre ver, que amosa a realidade que viviu a xente no confinamento, dende o punto de vista das persoas e todo o que hai detrás das persoas.

 

Novas relacionadas

comentarios