O Concello de Malpica promove a compostaxe entregando os últimos 25 composteiros da campaña

O Concello de Malpica deu un novo paso cara á sustentabilidade coa entrega dos últimos 25 composteiros da campaña de compostaxe, completando así o reparto dos 50 recipientes concedidos por Sogama. Esta iniciativa forma parte do proxecto impulsado pola Concellería de Medio Ambiente para fomentar a reciclaxe e o coidado do medio natural.
A entrega dos composteiros realizouse o pasado venres no Centro Cívico de Malpica, nun acto que incluíu unha sesión informativa dirixida aos veciños e veciñas que previamente solicitaran participar na campaña. Durante a charla, os responsables de RGR SOSTENIBLE S.L. ofreceron pautas detalladas sobre o uso correcto dos composteiros e destacaron os numerosos beneficios ambientais que supón a elaboración de compost nos fogares.
Grazas a esta iniciativa, 25 novos fogares de Malpica comezarán a elaborar compost de maneira doméstica, contribuíndo a prácticas sostibles e respectuosas co medio ambiente.
As persoas que non foron seleccionadas nesta ocasión permanecen en lista de espera e terán a oportunidade de participar na próxima campaña que o Concello ten previsto levar a cabo proximamente.