Xoves. 09.12.2021
El tiempo

A Confraría de Malpica colabora con Chelonia nun proxecto de conservación da tortuga laúd

Unha tartaruga varada en Beo en 2016
A Confraría de Malpica colabora con Chelonia nun proxecto de conservación da tortuga laúd

A Costa da Morte participa directamente na conservación da tortuga laúd (Dermochelys coriacea) da man do proxecto da Asociación Chelonia. Un proxecto apoiado pola Fundación Biodiversidade, Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto, que consiste nunha enquisa para incrementar o coñecemento e actualizar o estado de conservación da tortuga laúd en augas atlánticas españolas, contribuíndo á Estratexia de Conservación de Tortugas Mariñas de España.

Nese proxecto colabora a activa Confraría de Malpica, que puxo en contacto a Asocación Chelonia con varias embarcacións de vetas e cerco co fin de facerlle unha enquisa bastante detallada para identificar cos maiores datos posibles os encontros que sofren con diferentes tartarugas nas súas xornadas de pesca. Meses do ano, horarios, artes de pesca, profundidades, especies que estaban pescando, etc., son detalles que axudan a coñecer máis os seus movementos e xeito de vida, así como orientacións para saber actuar se se producen encontros deste tipo.

”De paso tamén temos un protocolo entre a CEMMA (a Coordinadora para o Estudo de Mamímeros Mariños), Protección Civil, Confraría e embarcacións xa que de atopalas e precisar atención ou coidados, daríamos aviso ó Cemma para que realizaran as accións oportunas e incluso reintroducilas se precisan atención médica”, explica Fran Varela Castro, dende o pósito.

As preocupacións do sector

Outro dos puntos de colaboración no proxecto é facer unha análise sobre como ven os pescadores o sector hai 3 anos, e como o ven de cara aos vindeiros 3, pensando nos principais retos ós que se enfrontan para poder manter os seus oficios, que coinciden cos analizados na nosa serie de entrevistas arredor do Relevo Xeracional no mar.
Dende o pósito corroboran que “o sector está preocupado polo problema da cota de pescada e xarda en Artes Menores e tamén dos problemas do Cerco con varias cotas destacando o xurelo na VIIIc na que cada vez se recorta máis cota e tamén da necesidade de valorar uns prezos mínimos dignos, invitando ás administracións a que fagan campañas a bordo para detectar a nosa forma de traballar artesanal e coñecer sobre o terreo os problemas diarios que existen”, explica Varela.

”Desde a Confraría sempre apostamos por implicarnos con estas accións e tamén os nosos afiliados porque son proxectos europeos que teñen repercusión a nivel nacional na Secretaría Xeral de Pesca e porque tamén chegan a Bruselas, para así demostrar que as Confrarías existimos xa que no Parlamento Europeo non se nos recoñece e con estas labores cremos que é unha fórmula para darnos a coñecer e visibilizarnos, demostrando a importancia que temos tanto a pesca artesanal como as Confrarías dos pobos pesqueiros xa que non contamos cos grandes medios nin co poder do que dispoñen outras organizacións máis fortes a nivel autonómico ou nacional”, reinvidica.

NOVAS RELACIONADAS

comentarios