Constatan o “espectacular” descenso da poboación de gaivota patiamarela nas Sisargas e en Galicia
A Sociedade Galega de Ornitoloxía vén de alertar do “espectacular” descenso da poboación de gaivota patiamarela en Galicia, que xa fai que a especie atópase ameazada e debería estar catalogada como “vulnerable”. Todo por causa dun “síndrome paralizante” ven desde hai anos causando unha mortandade fóra do normal. A perda de poboación nas principais colonias de cría é no seu conxunto superior ao 30% na última década. Unha desas colonias é nas Illas Sisargas, onde a gaivota perdeu o 40% da súa poboación en tan só sete anos, entre 2009 e 2016.
Así o constata, entre outros, Álvaro Barros, membro da familia de Mar de Fábula, que xa participara na limpeza da illas en 2017.
A situación que se dá nas colonias instaladas nas grandes áreas urbanas, e tamén en en moitas vilas mariñeiras repartidas ao longo de toda a costa é, xeralmente, difícil de determinar pola falta dunha serie longa de datos obtidos cunha metodoloxía estandarizada.
Mala prensa
A presenza de gaivotas en vilas e cidades, coas molestias que ocasionan, é un motivo polo que moitas persoas sinten xenreira cara estas aves. A súa disminución podería ser, polo tanto, recibida como unha boa nova, ou como o froito dunha boa xestión. Sen embargo, o feito de que se deba, cando menos en parte, a un proceso de mortaldade por causa dunha efermidade descoñecida debería disparar todas as alarmas: as gaivotas comparten con nós moitos espazos, e o que lles suceda pode ser sintomático do estado no que se atopan aqueles lugares nos que vivimos.
”Por este motivo, independentemente da maior ou menor simpatía que a cidadanía poida ter polas gaivotas, desde a SGO reclamamos a atención urxente das Administracións galegas, e en concreto da Xunta de Galicia, para esta especie”.
As causas
A desaparición de fontes de alimentación facilitadas polo ser humano, como por exemplo a clausura de moitos vertedoiros de lixo, e unha menor dispoñibilidade de alimento en forma de descartes pesqueiros como consecuencia de cambios estruturais e funcionais na flota pesqueira galega, poderían ser responsables dunha parte do descenso detectado.
Parálise
Non obstante, os ornitólogos expertos en aves mariñas da SGO levan anos detectando unha gran mortaldade de gaivotas nas súas zonas de nidificación. Estas aves mostran claros síntomas de padecer algún tipo de enfermidade. Así, nas últimas tempadas nas colonias de Cíes, Ons, Sálvora e Sisargas detectáronse moitas aves adultas que en plena época de reprodución parecen verse afectadas por algún tipo de intoxicación que en poucos días, ou incluso tan só nunhas poucas horas, vainas debilitando ata que finalmente paraliza por completo os seus corpos e morren, en ocasións cando están en pleno proceso de incubación ou alimentando os seus pitiños.
Moitas veces, gaivotas afectadas por esta especie de síndrome paralizante morren na costa, nos portos e nas praias usadas habitualmente polos cidadáns, e mesmo nas rúas, polo que puntualmente poderían supór incluso un problema de salubridade pública.
Así, a SGO pide a intervención das administracións para estudar o caso.