Luns. 04.11.2024
El tiempo

A Croa do Castro volve abrirse á arqueoloxía social

Prospeccion na Croa do Castro copia
A Croa do Castro recibirá unha prospección arqueolóxica completa
A Croa do Castro volve abrirse á arqueoloxía social

Está a ser este un verán histórico para o patromonio malpicán. O proxecto da Croa do Castro segue dando pasos. Despois da tala de eucaliptos realizada a comezo de mes, o Concello xa ten todo preparado para o proceso de escavación, e vén de aprobar o pase do gradiómetro.

Con toda probabilidade esta prospección xeofísica será realizada a finais de agosto, convertindo o evento nunha acción aberta ao público e volvendo facer do proxecto un exemplo de arqueoloxía social.

A idea é facer a prospección da totalidade do xacemento na procura de novos sinais da existencia de estruturas arqueolóxicas non visibles en superficie mediante unha técnica que poderá documentar estruturas liñais (muros, gabias) soterradas ou a detección de concentracións de metais.

A acción, pendente aínda do beneplácito da Dirección Xeral de Patrimonio, volverá ser dirixida polo arqueólogo Carlos Otero Vilariño, que en 2015 xa levou a cabo unha proba parcial de prospección do seu subsolo, na que coa axuda da veciñanza, detectara un muro na entrada, os indicios dunha casa derrubada, un camiño interior e moito metal, que posiblemente fosen cascos de cartucho.

A técnica permitirá recoñecer que puntos teñen maior potencialidade arqueolóxica e, polo tanto, axudará a decidir onde escoller futuras áreas de escavación con maior posibilidade de éxito.

A prospección levarase a cabo cun gradiómetro de tipo fluxgate de dobre sensor, modelo Bartington Grad 601 que permite a adquisición rápida de datos cunha precisión de 0,1 nanoteslas, en unidades de medida de 50x25 cms. A prospección levarase a cabo mediante o plantexamento de cuadrículas de 20x20 metros. Prospectaranse 26 cuadrículas o que supón a totalidade da parte habitacional do castro.

Historia do proxecto da Croa do Castro

Comentarios