Venres. 06.12.2019
El tiempo

Malpica celebra o 85º aniversario da chegada das Misións Pedagóxicas

Malpica celebra o 85º aniversario da chegada das Misións Pedagóxicas
Misions-Pedagoxicas-2018 Malpica Hoxe mesmo, luns 15 de outubro, comezan en Malpica os actos da celebración da chegada das Misións Pedagóxicas co primeiro espectáculo de monicreques de España. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de  7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao concello malpicán o 20 de outubro de 1933. Precisamente este vindeiro sábado día 20 viaxaremos no tempo para coñecer de preto aquela especial visita, e o domingo 21 haberá, de novo, monicreques en Malpica.

Pero o programa de actividades deseñado polo departamento que dirixe Noelia Freijeiro en colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, do que xa tivemos un anticipo durante o verán co Retablo de Fantoches Rafael Dieste, será máis amplo.

A partir deste luns 15 e ata o 31 deste mes estará aberta no espazo expositivo do Centro Cívico a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, e durante eses mesmos días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Educación, Cultura e Turismo para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.

O día 21, como hai 85 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a Cía. Pérez&Fernández representará O poder de Amabel, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 5 anos no que veremos actores e monicreques Amigurimis. O elenco está formado por Victoria Pérez e Manu Fernández (Milucho en Libro de Familia).

A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo e Cantareiras da A.C. Malante, ademais de cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.

A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e cesta infantil, e na absoluta, en trofeo e cesta de produtos de tempada.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/malpica-viaxa-ao-1933-para-recuperar-o-retablo-de-fantoches-de-rafael-dieste/

Comentarios