Malpica contrata unha empresa social para a prestación de servizos públicos
08:12 22/07/16
O alcalde de Malpica e os responsables da UTE Máis Porvir - Combina Social asinaron onte o contrato
Dúas persoas con discapacidade física encargaranse do servizo de conserxería no CEIP Milladoiro e no pavillón polideportivo de Malpica despois de que hoxe o concello de Malpica asinase o contrato coa UTE Máis Porvir-Combina Social -. O goberno municipal volve a apostar - como xa o fixera coa integración dun usuario de Aspaber no servizo de limpeza viaria - por unha empresa de economía social para a prestación de servizos públicos.
O alcalde, Eduardo Parga Veiga, asinou onte o contrato coa UTE que crearon e xestionan conxuntamente Íntegro e Cogami para a prestación de servizos e a xeración de recursos que permitan a ámbalas entidades seguir desenvolvendo o seu importante labor social. Máis Porvir e Combina Social estiveron representadas polos seus administradores, Adolfo López Baña e Álvaro García Bustelo. O alcalde destacou a importancia de que as administracións públicas sexan as primeiras en dar exemplo para que a integración laboral das persoas con diversidade funcional poida producirse con normalidade tamén no ámbito privado.
O contrato terá unha vixencia dun ano, prorrogable por outro, e permitirá a inserción laboral de dúas persoas con discapacidade física. Haberá un terceiro traballador para substitucións.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Malpica