Malpica lanzou farolillos ao ceo como símbolo da memoria das vítimas e a esperanza dun futuro sen violencia de xénero
Comezamos o repaso as boas, e malas, actividades municipais arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Facémolo por Malpica, onde este mes luns 25N se realizou un sinxelo pero emotivo acto na Praza Villar Amigo, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas, e rematou cunha sentida rolda de aplausos por parte de todos os asistentes.
A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, tomou a palabra para ler o manifesto oficial baixo o lema: “Que a nosa luz apague para sempre a violencia de xénero.” Durante a lectura, lembrouse o caso de Estela Blach, asasinada en Baiona, e fíxose fincapé no número de vítimas deste ano, que ascende xa a 41 en España. O manifesto destacou a importancia de denunciar, actuar con contundencia e promover unha tolerancia cero ante a violencia de xénero. A veciñanza, membros da corporación municipal, asociacións locais e funcionarios uníronse a este acto como mostra de compromiso contra a violencia de xénero.
Para finalizar, lanzouse un farolillo ao ceo, simbolizando a memoria das vítimas e a esperanza dun futuro sen violencia, como fixeron xa na noite do pasado día 22.
Aproveitaron para lembrar que o teléfono 016 está dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano, para atender ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
Máis novas do 25N