A malpicá Marta Villar leva un dos recoñecementos do V Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Xa foi finalista o ano pasado, e este 2022 a malpicá Marta Villar Rodríguez volve saír recoñecida do V Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. Foron 900 as propostas presentadas para o certame, entre varias categorías.
Na de Adultos, “Vitoria e sospeita de pemento”, de Villar, foi seleccionada como un dos relatos finalistas. Un relato que trae a Emilia Pardo Bazán ao século XXI. Un novo recoñecemento a esta malpicá que xa foi tamén recoñecida no Concurso de Poesía Gloria Fuertes do concello sevillano de La Rinconada no ano 2021; que como articulista gañou o Premio Tiflos de Periodismo 2020; e que foi finalista do XLI Premio Afundación de Periodismo Julio Camba (2020).
Os primeiros premios foron:
- Adultos: Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela; Carlos Neira Suárez, xubilado do naval de Mugardos; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira natural de Castro Caldelas e veciña de Ourense.
- Xuvenil: Antía Novas Arribas (Bueu), Lucas González Pérez (Ourense) e Carlota Alcalde Lorenzo (Noia).
- Infantil: Elena Pastoriza Cortizo (Bueu), Marina Cabrera Vives (Castrelo de Miño) e Ximena Landeira Lista (Santiago de Compostela).
As persoas premiadas recibirán, nun acto que terá lugar proximamente na Real Academia Galega, diferentes galardóns tecnolóxicos e libros, entre outros obsequios, e os seus relatos serán ademais recollidos nunha publicación dixital. A revista Luzes tamén os publicará na súa edición en papel xunto aos finalistas.