Malpica recibe o espectáculo 586 cantos para homenaxear ás Cantareiras
Poucos sitios máis acaídos para recibir o espectáculo 586 cantos. Malpica de Bergantiños, unha das vilas con máis arraigo da música tradicional e cunha rede de asociacións tremenda, acolle este domingo, 17 de novembro, ás 19 h, este espectáculo no marco do ciclo Outono das Artes da Deputación da Coruña.
Producido polo Museo do Pobo Galego (trátase dunha idea orixinal da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo), o evento audiovisual con música en directo, é unha homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral, futuras protagonistas das Letras Galegas 2025. Entre elas, as Pandereteiras de Mens, por suposto.
A peza toma como punto de partida o legado que Dorothé Schubarth doou ao Museo do Pobo Galego hai agora unha decada, en setembro de 2014: gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras froito do traballo de campo levado a cabo entre os anos 1978 e 1984 pola etnomusicóloga coa colaboración de Antón Santamarina.
Ese material, que serviu de base para os sete volumes do Cancioneiro Popular Galego, editado pola Fundación Barrié, é o punto de partida dunha posta en escena que combina a montaxe audiovisual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema, coa reinterpretación desas músicas tradicionais da man de Richi Casás, que leva anos investigando os arquivos do Cancioneiro, e que ademais é sobriño e neto de dúas das portadoras, Rosa e Adolfina.
No directo, Casás, estará acompañado de Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal.
Máis novas