luns. 02.12.2024
El tiempo

Malpica recupera as Misións Pedagóxicas do 1933

Malpica recupera as Misións Pedagóxicas do 1933
A misions pedagoxicas volven a Malpica

Interesante recuperación histórica que prantexa o Malpica. O Concello quere lembrar a función de fantoches que inaugurou as Misións Pedagóxicas en España en 1933. E para iso arma un programa conmemorativo inclúe unha actuación o mesmo día e no mesmo lugar no que se representou “A doncela guerreira” hai 82 anos.

Falamos daquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, e chegou á vila bergantiñá un 20 de outubro de 1933. A representación de “A doncela guerreira”, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España.

Así, o vindeiro 20 de outubro volverá a haber monicreques no mesmo lugar que 82 anos atrás. Pero o programa de actividades deseñado polo departamento que dirixe Noelia Freijeiro, do que xa tivemos un anticipo nos últimos veráns co Retablo de Fantoches Rafael Dieste, será máis amplo.

Do 20 ao 31 deste mes estará aberta no espazo expositivo do Centro Cívico a mostra fotográfica “As Misións Pedagóxicas en Malpica”, e durante eses mesmos días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Educación, Cultura e Turismo para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un cedé con todas as imaxes recompiladas.

O día 20, como hai 82 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica, pero esta vez cun programa más amplo. Comezará ás 10.30 horas no auditorio do Centro Cívico cunha función de contacontos dirixida a escolares de 8 a 10 anos. Coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación, o Concello de Malpica ofreceralles a función “Ti tamén contas”, a cargo da Tropa de Trapo. A celebración trasladarase pola tarde ao centro da vila. Ás 17 horas empezará a animación cos pasarrúas da Asociación Cultural Malante na rúa Eduardo Vila Fano e na praza Anselmo Villar Amigo. Precisamente será na praza, no mesmo punto no que se instalou o teatriño no ano 1933, onde terá lugar o acto central da xornada. A compañía Viravolta Títeres representará ás 17.30 as aventuras e desventuras de “Barriga Verde”, un espectáculo para todos os públicos.

 

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios