Malpica reforza o seu papel de capital da poesía erótica en Galicia cunha nova edición do certame Illas Sisargas


Cada ano, o sector cultural costeiro espera como auga de maio o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. E este 2014 non vai ser diferente. Estes días, concello e a organizadora asociación cultural Caldeirón asinaban un convenio para levar adiante a 9ª edición.
Un concurso que permitirá crear co paso dos anos “a mellor biblioteca galega” de poesía erótica, como destacou o presidente da entidade. O secretario e poeta Paco Souto foi o encargado de explicar os detalles da convocatoria. Dende o seu punto de vista, o certame Illas Sisargas xa é “un referente en toda Galicia” dentro do xénero poético en xeral e, dende logo, no que se refire á poesía erótica. Tamén destacou a dificultade para acadar unha participación moi ampla nun premio destas características, “porque un ou dous poemas eróticos creo que os ten calquera autor, pero un libro enteiro é moito máis difícil”.
Malia esa dificultade, a directiva de Caldeirón está moi satisfeita da cantidade e, sobre todo, da calidade da “nómina de gañadores e accésits” que ten habido dende Antonio García Teixeiro, que foi o primeiro, ata Ramón Neto, que gañou a última edición, dotada con 1.000 euros, e que verá publicado o seu libro, “Dominio Público”, para a Festa das Letras do mes de novembro.
Este ano tamén se editará o traballo de Verónica Martínez, que recibiu un accésit pola calidade do seu traballo “Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter”.
Caldeirón editorial
A Asociación Cultural Caldeirón está cada vez máis metida no labor editorial. De feito, segundo avanzaron os seus representantes hoxe pola mañá, este ano publicarán o primeiro libro que non ten que ver co certame Illas Sisargas. Trátase de “Transfusión oceánica”, de Xosé Iglesias, ese mariñeiro poeta que berral en verso pola pesca artesanal, e no ano 2015 verá a luz un poemario do autor pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo.
Bases do Certame
En breve publicaranse na web do Concello de Malpica, pero avanzamos as bases máis importabtes:
Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 € e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón. As obras que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos. O prazo de admisión de orixinais remata o día 30 de setembro de dous mil catorce, e deberán enviarse ó Concello de Malpica. A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2014 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.Novas relacionadas
- 2013: O Certame de poesía Illas Sisargas xa é de “Dominio Público”.
- Os poemas eróticos das Sisargas teñen nome bíblico.
- 2012: Os Amantes de María Lado.
- 2011: Os versos erotizan as Crebas das praias das Sisargas.
- 2009: Malpica entrega os premios máis quentes.
Fonte
- Concello de Malpica.