Novas axudas para a venta do Percebe na Lonxa de Malpica


Mentres a Costa da Morte agarda a construcción dunha lonxa comarcal, unha das poucas lonxas que mantén unha boa actividade económica é a de Malpica. Alí de feito xa comezarán a operar os novos percebeiros de Barizo. E alí terán novas partidas de axudas, segundo informou onte in situ a Conselleira do Mar, Rosa Quintana. Alí asistiu á presentación dun dos proxectos dos Grupos de Acción Costeira da man da confraría de Malpica. Son nove os proxectos que vén de aprobar a Xunta de Galicia, os cales serán dotados con arredor dun millón de euros.
Quntana anunciou a instalación de expositores frigoríficos e dunha unidade multifunción de pesaxe e etiquetado na lonxa malpicá. A conselleira salientou que “se trata dun exemplo claro de posta en valor da trazabilidade e a súa importancia para mellorar na comercialización” xa que, segundo Rosa Quintana, “permite avanzar na trazabilidade, conservación e presentación do produto; flexibiliza os tempos de entrega dos compradores na lonxa; mellora a xestión dos excedentes diarios e, de xeito global, repercute positivamente na imaxe que se ten da lonxa e da súa actividade”.
O proxecto da lonxa de Malpica conta cunha axuda da Xunta de máis de 73.000 euros, o que supón o 90 por cento do investimento total. Segundo Mar, o obxectivo é o de “mellorar a trazabilidade e a comercialización, sobretodo do Percebe”, i é que das 352 toneladas de percebes que se venderon en Galicia en 2010, trinta e oito pasaron pola lonxa de Malpica, xerando un volumen de negocio de case un millón de euros.
Novas relacionadas
- O silencio do mar.
- 7 quilos de róbalo de Fisterra a Lires.
- En marcha a nova Agrupación de Percebeiros de Barizo.
- Novas protestas dende o sector polo novo seguro do mar e pola Lonxa Comarcal.
Fonte
- Consellería do Mar.