Martes. 16.07.2019
El tiempo

O Concello de Malpica, e non a Xunta, faise cargo das obras de mellora do edificio do Centro de Saúde

O Concello de Malpica, e non a Xunta, faise cargo das obras de mellora do edificio do Centro de Saúde
Centro de Saude de Malpica Centro de Saude de Malpica

Non puido ser. A Xunta non se vai facer cargo das obras de mellora do Centro de Saúde como lle solicitara o Concello de Malpica o pasado mes de marzo. Será o propio Concello malpicán o que, con fondos propios, invista preto de 60.000 euros no proxecto de reforma do centro de saúde da vila.

O Concello de Malpica vai investir 58.682,42 euros no centro de saúde da vila coa finalidade de solucionar as deficiencias que presenta o edificio debido á súa antigüidade. O alcalde, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato coa empresa que levará a cabo a reforma, Groma Obras S.L., que dispón dun prazo de 1 mes para acometela a partir da sinatura da acta de comprobación de replanteo. No acto de sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

As obras afectarán tanto ao exterior coma ao interior do inmoble. No exterior actuarase nas fachadas para limpalas e proceder á súa impermeabilización. Tamén está previsto selar, pintar e crear aliviadeiros nas terrazas, así coma selar a carpintería exterior e substituír as gomas e os picaportes.

Xa dentro do edificio serán saneadas e pintadas as zonas nas que se aprecian humidades, e no canón das escaleiras tamén se farán traballos de acondicionamento tanto das paredes coma dos propios chanzos. As pechaduras e picaportes das portas interiores serán substituídas e procederase á revisión das instalacións de calefacción, electricidade e iluminación. Todo o edificio será pintado. Ademais das melloras sinaladas, o proxecto inclúe a incorporación de dúas novas consultas de medicina e enfermaría, unha na planta baixa e outra no primeiro andar, para o cal utilizarase unha parte das salas de espera.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/malpica-solicita-que-a-xunta-realice-obras-no-centro-de-saude-e-que-asuma-a-sua-xestion/

Comentarios