xoves. 01.05.2025
El tiempo

O Forno do Forte corrobora o tirón turístico da artesanía e tradición da Costa da Morte

O Forno do Forte corrobora o tirón turístico da artesanía e tradición da Costa da Morte
O Oleiro do Ecomuseo Forno do Forte de Buño O Oleiro do Ecomuseo Forno do Forte de Buño

As cifras parecen confirmar que a aposta do Concello de Malpica polo turismo é máis que positiva. Xa o dicían os datos dos visitantes que pasaron pola Oficina de Turismo, e así o corrobora o balance de visitas ao Ecomuseo Forno do Forte: Nos últimos dous meses pasaron polo complexo etnográfico un total de 8.786 persoas: 2.154 en xullo e 6.632 en agosto.

Un dos factores que influíu de maneira máis decisiva nesta notable diferenza entre ámbolos meses foi a Mostra da Olería, que, tal como indica Paco Doval, xerente do ecomuseo, “ten un tirón indiscutible que atrae a gran cantidade de público interesado na nosa artesanía”.

O Ecomuseo, ademais de máis visitas privadas, acolleu tamén un maior número de excursións organizadas por empresas turísticas, asociacións e institucións. En xeral percíbese un maior interese dos turoperadores pola nosa comarca, aínda que a maioría dos visitantes continúan sendo grupos familiares ou de amigos.

Moito público mediterráneo

En canto á procedencia do público do Forno do Forte, o 23,44% dos visitantes procedían de fóra de Galicia. Case un terzo, de Madrid, que é a comunidade con máis peso, seguida das provincias de Barcelona, Sevilla e Valencia. De feito, este ano detectouse un incremento importante de turistas procedentes de Andalucía e do Levante, que xa empezaron a destacar nas estatísticas do verán anterior. Deste xeito parece consolidarse o interese dos habitantes do sur e do leste do país por Malpica en particular e pola Costa da Morte en xeral.

Con respecto ao público estranxeiro, supuxo o 5,39% dos visitantes do ecomuseo, cun claro dominio dos turistas procedentes de Francia, que representan algo máis do 35% do total, seguidos por ingleses, suízos, alemáns e estadounidenses. Diminúen os visitantes suramericanos e aumentan os europeos. Neste sentido destacamos a presenza de turistas rusos, que ata este ano practicamente eran inexistentes.

O 81,17% restante de visitantes foron galegos, dominando claramente os procedentes da comarca e do resto da Costa da Morte. As cidades da Coruña, Vigo e Santiago tamén achegan unha parte importante dos turistas, así como as Rías Baixas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Comentarios