O Oleiro Fernando Cambón inaugurou os obradoiros artesanais do Castelo de Vimianzo
Xa están en marcha os obradoiros de artesanía que manterán vivo o Castelo de Vimianzo durante o mes de setembro. Foi o coñecido oleiro Fernando Cambón o que rompeu o xeo e impartiu o primeiro obradoiro, a varias ducias de veciños da zona encantados con aprender a arte tradicional.
Un taller que se compaxina coa exposición que mantén aberta o propio oleiro, que se atopa na antiga cociña do Castelo, ubicada na segunda planta, onde se poden contemplar diversas pezas clásicas e de uso doméstico.
Máis talleres
Durante este mes de setembro continuarán desenvolvéndose distintas actividades para dinamizar o castelo vimiancés, que se centran principalmente na olería e no liño. O vindeiro 14 de setembro a Asociación de Amigos do Liño de Zas ofrecerá unha tasca tradicional do liño, onde se recrearán os distintos pasos do proceso de liño e tecido no tear como se facía antigamente, e que contará con artesáns de tódalas idades. Será de 18.00 a 20.00 horas no patio de armas do castelo, e a entrada tamén será gratuita.
E a partir do 16 de setembro, Amigos do Liño ofrecerá unha exposición con diversas prendas de liño que foron presentadas a varias edicións do certame Antonio Fraguas de artesanía da Deputación de A Coruña. Tódalas actividades están enmarcadas no programa de actos que promove o Concello de Vimianzo para promocionar o castelo medieval e as labores artesanais que alí se desenvolven durante todo o ano.
Novas relacionadas
- Recunchos da Costa: Castelo de Vimianzo.
- Máis de 30.000 visitas aos 5 edificios históricos da Costa da Morte.
- Oleiría e Liño abren en setembro o calendario de exposicións e actividades no Castelo de Vimianzo.
- Os artesáns do Museo de Artesanía en vivo do Castelo de Vimianzo.