As obras do porto de Malpica seguen a medias
Pero é que o peirao de Malpica ten moitas máis necesidades, como lembraba hai xa un ano a Confraría, cando xa estamos albiscando un novo inverno. Onte, o alcalde, Walter Pardo, recibía a visita do director de Portos de Galicia, Roi Fernández, e á xefa da Zona Centro de Portos de Galicia, Lorena Solana, e lle trasladaba todas as necesidades pendentes.
Son varias as intervencións que están en marcha, pero Pardo lembrou a necesidade de acometer o apuntalamento dunha parte da dársena e así permitir o acceso de camións de alta tonelaxe. A seguridade no espazo foi outro dos temas que protagonizou o encontro. Cómpre lembrar que durante as obras de mellora da rúa principal houbo que instalar un sistema de camión lanzadera para superar esa parte do paseo.
A zona en vermello non permite o paso de trafico pesado
O alcalde incidiu na necesidade de reparar algúns elementos como, por exemplo, as lastras do firme, unha iniciativa que avaliarán desde Portos de Galicia.
A organización e distribución do aparcadoiro, para que non interfira coas labores da lonxa e do porto, foi outros dos asuntos que saíron a colación. De feito, o rexedor comprometeuse a realizar, xunto coa Confraría de Pescadores, un deseño da circulación do tráfico rodado.
Outro asunto que segue pendente, xa dende hai máis de 2 anos, é a reparación ou cambio do guindastre do porto de Barizo.
O rexedor agradeceu a “boa predisposición” tanto do director de Portos como da xefa da Zona Centro, e agarda que estas intervencións se poidan converter en realidade “canto antes”.