Preparan saídas para cazar fotograficamente o mencer e o solpor sobre o leito mariño dende "Nerigha"
Lanzaba a bomba Suso Lista esta semana: “O Promontorio Nerium é Nerigha”. Unha aseveración que fai tremer os cimentos de 2000 anos de historia, que necesitará de moitas probas para pasar de hipótese a teoría.
En todo caso, o máis importante para estes días é que durante o solsticio, a zona é unha das poucas da Europa Occidental dende onde, durante os días do solsticio de verán, se pode ser o sol saír e poñerse polo leito mariño.
Ten que estar bo día (onte había nubes baixas), pero a idea de Lista e unha serie de fotógrafos é facer saídas dende hoxe venres e ata o domingo, tanto ao mencer como ao solpor, para recoller ese doble momento. O sol está saíndo estes días, os máis longos do ano, ás 6:55, e ponse ás 22:20 aproximadamente.
Hai varios puntos onde o efecto se pode ver. En Punta Nariga, no “promontorio” e tamén dende o Castro, dende onde se poderá ver que o sol sae pola canle que deixan as Sisargas, coa vista de Ferrolterra ao fondo, e se pon polo medio do Atlántico.
O Concello tamén organiza
Finalmente o Concello de Malpica tamén se anima e convida a veciñanza a ser testemuña de excepción dun fenómeno único: o solsticio de verán desde a punta de Santo Hadrián. "Trátase dunha perspectiva única, xa que o sol sairá e se porá desde o océano, un acontecemento excepcional en Galicia", pois só acontece no Cabo Ortegal.
Desde o Concello indícase que o mellor momento para contemplar isto é ao amencer, que será sobre as 6:55 da mañá, e ao solpor, previsto contra ás 22:19 horas. O lugar idóneo é na punta de Santo Hadrián ao tratarse do espazo de terreo máis metido no Atlántico.