Venres. 26.04.2024
El tiempo

“Que podo dicir? É un síntoma de como tratamos a cultura neste país”

Libros de Mar de Paixon tirados no lixo
Libros de "Mar de Paixón" ciscados no lixo
“Que podo dicir? É un síntoma de como tratamos a cultura neste país”

A aparición de máis de 300 exemplares do libro "40 anos da historia do SCD Malpica" no lixo vén de encender a ira de moita xente en Malpica. Un libro, publicado en 2013, despois dun completo ano de investigación por parte de Luís Porto e Héctor Pose, que recupera a historia do club SDC Malpica e a súa importancia a nivel social no desenvolvemento da vila.

Aínda, de feito, Pose estivo estas semanas no País Vasco nun encontro de Fundacións de Clubs de fúitbol profesional aportando ideas para a posta en valor do fútbol local e base, e o libro Mar de Paixón foi un dos casos de éxito expostos sobre como recuperar a memoria social a través do deporte das pequenas vilas do rural.

Un libro do que se publicaran 2.000 exemplares, todo para as arcas do club, que se foi vendendo ao longo desta década, e do que aínda quedaban moitos esquecidos nun galpón de Pedra Queimada. Os propios autores, sabedores da situación, propuxeran que se lles doase aos clubs que visitasen o campo malpicán, ou que se regalasen polas escolas.

”Que podo dicir? É un síntoma de como coidamos a cultura neste país”, reflexiona un abatido Pose. “É un síntoma de como está o club, no peor momento da súa historia”, critica.

”Non o fixeron con desprezo”

O suceso dase por un cúmulo de situacións. O Concello conseguía, por fin, repartir entre os clubs da vila (Seaia Malpica, nomeadamente) varios locais de Pedra Queimada. O Seaia ía ocupar un local no que había dende tempo atrás unha marea de cousas do SCD Malpica. O local sufrira as inclemencias dda humidade e as pingueiras e boa parte do que alí había estaba empapado.

O club malpicán recolleu todo o que puido (entre elo aseguran que varias caixas secas do libro), e cando rematou díxolle ao Concello que podían baleirar o resto.

Certo que moitas desas caixas estaban molladas, mesmo riladas polos ratos… así que os operarios municipais levaron ao punto limpo (un lugar sen acceso público) todo ese material que parecía inservible (as caixas dos libros, documentación do club…). Foi aí cando un veciño puido acceder ao lugar e viu a desfeita, avisando ao club, ao concello e aos autores.

Dende o Concello aseguran que “nin o Concello nin o propio club o fixeron como un acto de desprezo, nin por desprestixiar o traballo dos que o fixeron”.

O Concello, que está desinfectando e rehabilitando o esfolado local de Pedra Queimada, está a enviar operarios para recuperar as caixas que aínda estean en bo estado.

Novas sobre o libro

Artigos de Héctor Pose do libro “Mar de Paixón”

Comentarios