Sábado. 12.10.2024
El tiempo

A RAG recoñeceu o valor do Cancioneiro de Buño en presencia do alumnado malpicán

Xosé Manuel Varela explicando á rapazada a importancia do Cancioneiro de Buño
A RAG recoñeceu o valor do Cancioneiro de Buño en presencia do alumnado malpicán

Ata a sede da Real Academia Galega desprazáronse este martes 18 de outubro, os alumn@s dos colexios Joaquín Rodríguez Otero de Buño e Milladoiro de Malpica. Fixérono para participar na presentación do “Cancioneiro de Buño”, un libro que reúne as coplas de Buño recollidas no ‘Boletín’ da institución hai máis de cen anos por Dolores Cancela Pérez, unha labrega de 17 anos veciña de Buño que coa súa achega facilitou que hoxe sigan a ser cantadas, interpretadas por pandeireteiras e bailadas en foliadas.

A RAG quixo recoñecer a importancia do documento (recentemente publicado por Embora) como peza indispensable para amnter vivos dous mundos creativos moi relevantes na identidade malpicá: a literatura popular e a olería.

Ademais do presidente da entidade Víctor Freixanes, estiveron o fotógrafo Antonio Fernández, quen retratou para esta obra os homes e as mulleres de Buño que seguen a facer desta parroquia o maior centro de olería de Galicia; a historiadora Ana Romero Masiá, que ten vínculos familiares con Barizo; e a comitiva malpicá, formada polo alcalde Eduardo Parga, a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro Novo; e o editor literario, Xosé Manuel Varela. Foi Varela o que debullou á rapazada a importancia do cancioneiro, recitando copas como estes versos cos arrincaba no Boletín da Real Academia Galega nº 58, saído do prelo en 1911, o espazo de "Cantares populares de Galicia":
“Non quero vivir en Buño, / non quero facer máis olas; / quero vivir en Barizo / que é terra das cebolas”.

“Con este libro quíxose dignificar a literatura popular galega e, en concreto, a de Malpica”, salientou Xosé Manuel Varela. Pero as coplas non só teñen relevancia como manifestación literaria. “Estes versos herdados xeración tras xeración tamén se cantaban e se bailaban”, explicoulles aos nenos e nenas, antes de convidalos a un xogo consistente en adiviñar a posición de distintos versos nas coplas.

Quen era Dolores Cancela?

A cita serviu tamén para afondar na figura de Dolores Cancela, unha moza pertencente á familia dos Margaritos, nada o 17 de xullo de 1984. “Non deixa de ser meritorio que unha adolescente do momento conservase este importante e completo legado de poesía popular”, valora Xosé Manuel Varela.
Varela lembraba que anos despois foi Dorothé Schubarth, a que recollería en varias aldeas malpicás máis coplas da zona, publicadas en 1984 no primeiro volume do Cancioneiro popular galego que asinou a musicóloga suíza asinou co académico Antón Santamarina.

Novas relacionadas

Comentarios