Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A escaseza de cursos Permex na Costa da Morte chega ao Parlamento

A escaseza de cursos Permex na Costa da Morte chega ao Parlamento
O portavoz de Marisqueo do grupo socialista, Julio Torrado, e Dolores Toja Suárez, deputada do PSdeG, presentarán na comisión de Pesca que se celebra esta tarde no Parlamento de Galicia unha pregunta oral sobre os datos referidos aos cursos de formación para a obtención do Permex realizados na Costa da Morte no anos 2015, 2016 e 2017. "A Costa da Morte é unha zona na que o impacto social e económico do sector marisqueiro é fundamental, sendo un dos motores económicos da bisbarra e sustento fundamental de moitas familias. Por iso o desenvolvemento de accións formativas para a obtención do Permex supón unha decisión con forte interese no sector. Como é natural a planificación e convocatoria dos cursos, así como o seu desenvolvemento, é necesario que sexa realizada con claridade e atendendo ás necesidades establecidas", expoñen os socialistas nunha nota de prensa remitida onte. Así, ante a comisión de Pesca tanto Julio Torrado como Dolores Toja formularán preguntas como cantos e cales cursos de formación para a obtención do Permex se realizaron na Costa da Morte nos anos 2015 e 2016; se a consellería considera que son suficientes, que previsión de cursos hai para o 2017, como se publicaron os cursos realizados no 2015 e 2016, cantas prazas se ofertaron e cantas se cubriron, cales foron os criterios de selección dos participantes e onde se realizaron os cursos. Fonte  

Comentarios