Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A ría de Lires Contaminada

A ría de Lires Contaminada
praia de lires non saudable A de Lires volveu ser este mes de xuño unhas das praias con augas de calidade insuficiente. Algo impensable se un coñece o lugar. A raíz desta situación, Xavier Durán Sánchez, que xa nos enviou a súa denuncia sobre o camiño inadaptado da vila ceesa, reflexiona hoxe sobre este feito.

A ría de Lires Contaminada

A ría de Lires está contaminada, e non o digo eu, dío o cartel situado na entrada da praia e as análises realizadas polo Sergas que, que eu saiba, dende o ano 2014 así o acreditan. Vaia por diante que eu son un total ignorante no tema do saneamento de augas, pero como a ignorancia fainos atrevidos vou ter a ben compartir o meu pensar sobre este tema. En primeiro lugar gustaríame por sobre a mesa dous datos relevantes á hora de dimensionar o problema en cuestión. Cando falamos da ría de Lires estamos a falar da que se coñece como a ría máis pequena da Galiza. Ademais disto a ría só conta con catro aportacións de auga como son: o río Castro, o río Lires, a depuradora de Lires (que só cobre as poucas casas de Lires e Canosa) e a piscifactoría. Estes dous datos en conxunto lévanme a pensar, parvo de min, que a identificación da fonte de contaminación non debe ser moi complexa e que as medidas a tomar para solucionalo non poden ser de dimensión faraónicas. Pois pasou o 2014, o 2015, o 2016 e parte do 2017 e o cartel que anuncia “Auga de baño de calidade insuficiente” alí segue, na entrada da praia á vista de todo o mundo. Non sei cal é a administración responsable do asunto, si o concello, Augas de Galicia, a Xunta ou que sei eu... O que si sei e que estamos perante un grave problema: - de saúde pública, xa que non hai en toda a parroquia outra praia apta para familias con nenos pequenos, polo que nos vemos na obriga de ignorar a recomendación do Sergas e baixar á praia igualmente. E así o pode acreditar calquera que visite a zona un día de verán, e verá nenos e maiores metidos na auga. - de agresión ó medio ambiente nun enclave natural con pouca presenza de núcleos de poboación e polo tanto moi apreciado polo turismo nacional, estatal e estranxeiro que escapa de Marbellas e Benidores. - de perda de recursos económicos para unha zona cun desenvolvemento económico atrasado historicamente e que ultimamente está vendo no turismo unha saída para varías das familias que alí viven. Porque claro, que fácil é dicir que a xente nova se vaia a vivir ó rural con este panorama e que bonito queda dicir que estamos a potenciar o turismo levando a marca Galicia cun stand por toda canta feira de turismo hai, ou que estamos promocionando o Camiño de Santiago polo mundo adiante e mentres tanto todo turista que pisa a praia de Lires leva a imaxe que leva... Para finalizar gustaríame expresar que teño moitas ganas de fachendearme de lugar, de dicirlle ós meus amigos de fóra que veñan a visitar Lires, que se veñan a veranear aquí que será ben recibidos e disfrutarán dun bonito recuncho da Costa da Morte pero a día de hoxe non podo. E pido ó concello como primeiro defensor dos seu veciños, dos seus enclaves naturais e dos seus recursos económicos que tome cartas no asunto reclamando á administración competente información sobre a fonte de contaminación para que ós veciños saibamos dunha santa vez que é o que contamina a ría. E vaia por diante que si o problema vén da depuradora, como eu me temo, recordar que foi construída no 2009-2010, coma quen di antonte, e que cobre as necesidades de só dous lugares (Lires e Canosa). E só sete anos despois e uns cantos miles de euros gastados na construción da mesma teríamos unha depuradora que estaría a contaminar a ria. Entón haberá que ir á hemeroteca a ver quen foi o que “cortou a cinta” o día da inauguración da mesma a pedirlles explicacións sobre mas outra chapuza...
  • Xavier Durán Sánchez.
 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios