A Xunta elude confirmar a continuidade do minicriadoiro de bivalvos de Camariñas
07:25 15/12/17
Zona de criadoiro de vivalvos en Ariño-Foto aerea-Costa da Morte Drone
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, levou a situación do minicriadoiro de bivalvos de Camariñas á Comisión de Pesca. O goberno galego non foi quen de confirmar a continuidade do proxecto en resposta ás preguntas da deputada da Costa da Morte, que reclamou, segundo amosa en nota de prensa, a recuperación dunha iniciativa que custou un millón de euros e que no seu momento foi pioneira. A responsable socialista lamentou o “esquecemento” tanto do proxecto como das instalacións físicas, que continúan “pechadas, en abandono, co teito levantado e con anacos voando cos temporais”.
Loli Toja criticou que o goberno galego teña decidido “tirar os recursos públicos” investidos nun proxecto de 1,3 millóns de euros ao tempo que “perderon tamén o intanxible do traballo e a implicación do sector na utilización de técnicas de reprodución e engorde analizadas nas instalacións”. Toja denunciou que o goberno galego incumprira de paso a iniciativa aprobada na Cámara autonómica en 2014 na que urxía a recuperar as instalacións do minicriadoiro”, daquela xa danadas polos temporais, co obxecto de “devolvelas ao seu estado orixinal e que poidan cumprir coa finalidade para a que foron construídas”.
A deputada socialista reclamoulle ao goberno galego que presente “un cronograma real para recuperar o minicriadoiro” e, no caso de que, como parece, non quixeran darlle “ningún tipo de continuidade” coñecer “que pensan facer coas instalacións e que farán para resolver o problema de seguridade que supón o seu estado lamentable”.