Xoves. 19.09.2019
El tiempo

A Xunta só inclúe a ría de Corcubión na ruta internacional de mergullo WAOH

A Xunta só inclúe a ría de Corcubión na ruta internacional de mergullo WAOH
Mergulladores pola fragata de Padilla en Camarinas-Foto-Buceo Finisterre Mergulladores polo pecio da fragata de Padilla en augas de Camariñas, zona excluída pola Xunta para a ruta WAOH-Foto-Buceo Finisterre

12 anos de Escola de Buceo en Fisterra non son suficientes para que a Xunta, estando inmersa nun proxecto europeo de turismo subacuático, pegue unha chamada para informar ou preguntar. A Escola de Buceo Finisterre, como outros centros representativos de toda Galicia, non sabían nada sobre a primeira ruta europea de turismo subacuático, 'Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route’ (WAOH Route), o itinerario que promoverá os máis de 5.000 quilómetros de costa atlántica que unen Galicia, Portugal, Reino Unido e Irlanda como un único destino.

Unha ruta que aproveita o tirón dos deportes náuticos, para maridalos con enogastronomía, o turismo mariñeiro e a arqueoloxía marítima.

Un turismo pensado para fomentar o traballo das empresas adicadas ao buceo, pero sen as empresas. De feito, cóntannos que houbo unha reunión na que só participaron 3 ou 4 centros de Galicia. “Nós levamos 12 anos traballando e acabo de enteirarme pola prensa deste proxecto”, lamenta Alicia Carrillo, de Buceo Finisterre.

E iso que a ría de Corcubión é unha das tres zonas de mergullo que prantexa Turismo de Galicia para a proposta inicial, xunto a Ría de Arousa e a Mariña Lucense.

Nava Castro explicou que a zona norte da Costa da Morte (a zona exterior do Cabo Fisterra, ou as ría de Camariñas ou de Corme-Laxe) non se inclúen no itinerario porque, a pesar de que se trata dun "tramo moi interesante" e "con moitos recursos", porque “é moi difícil comercializar alí un turismo de mergullo", e hai que "ser realistas" co mercado de empresas que ofrecen este servizo.

Un argumento que non lle vale a Carrillo. “Que digan que exclúen a Costa da Morte polo mal tempo parécenos mal, que nós levamos 12 anos traballando todo o ano. Nas zonas do norte tamén poden mergullarse e se non que llo digan aos mariscadores que traballan todo o ano”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios