Denuncian a incapacidade da Xunta deixando orfo o Servizo de Gardacostas
Seguen oíndose ecos da tráxica e real historia, erro tras erro, do inoperante heliporto de Salvamento da Costa da Morte. Mentres seguen acontecendo sucesos perigosos no noso litorial, a bisbarra segue sen contar cun helicóptero de Salvamento. E a cousa parece lonxe de solventarse.
A última circunstancia xira en torno ao Servizo de Gardacostas, a día de hoxe orfo pola “xestión nefasta e temeraria” do goberno galego, segundo denuncia a portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja. Toja lamenta a “incapacidade manifesta para xestionar recursos públicos” por parte da conselleira de Mar logo da “chapuza” do concurso para contratar os helicópteros de salvamento marítimo, que vén de ficar deserto.
Logo da xestión do PP, lembrou, que “en 2012 malvendeu a unha empresa privada as dúas naves das que dispuñamos, hoxe non temos nin helicópteros e corremos o risco de quedar sen servizo de Salvamento”. Acusou ao goberno galego de “xogar coa seguridade dos nosos traballadores do mar” e esixiulle que garanta a continuidade do servizo.
A responsable socialista explica que “logo da venda por 12 millóns de euros de dúas naves que custaran 27, nunha operación cuestionada mesmo polo Consello de Contas, pasou de gastar 2 millóns de euros ao ano por este servizo en 2005, a pagar en torno a 9 millóns a partir de 2012, a pesares de non ter nin aeronaves, nin persoal propio”. Así, o servizo foi subcontratado con Inaer, actualmente Babcock España, que se retirou do concurso este ano cando o goberno galego intentou rebaixar a contía a 7 millóns anuais, co que “hoxe non temos servizo de Salvamento Marítimo por helicóptero”.
Os socialistas presentarán unha serie de iniciativas para preguntarlle ao goberno galego que explique cómo garantirá a continuidade do servizo de gardacostas e queren saber se está levando a cabo “algún tipo de negociación co empresa adxudicataria”.
Novas relacionadas
- Abril 2017: O helicóptero de Salvamento rescata unha muller na praia da Barda mentras facía o Camiño dos Faros.
- Xuño 2017: Fisterra solicita acondicionar espazos para o helicóptero de Salvamento.
- Setembro 2015: A tráxica e real historia, erro tras erro, do inoperante heliporto de Salvamento da Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).