![bng xubilacion marinheiros]()
Reunión do BNG e a CIG para poñer en marcha a campaña “Os mariñeiros galegos teñen dereito a unha xubilación digna”
O Bloque Nacionalista Galego - BNG - vén de manifestar a súa intención de poñer en marcha unha
campaña social en defensa dos traballores do mar que desenvolven a súa actividade na
pesca de altura e gran altura despois de que o Goberno español decidise que aos tripulantes galegos non se lle apliquen os coeficientes redutores da idade de xubilación que existían até o de agora.
Segundo indica o BNG, o goberno español considera agora que todos os barcos menores de 70 metros de eslora e de arqueo inferior a 1000 TRB, que son a inmensa maioría da frota pesqueira galega (palangreira, cefalopodeira e de arrastre en augas internacionais...), pasan á categoría de “fresqueiros”. Isto é, que segundo eles, pasan a faenar preto de terra e descargar peixe fresco.
Vida laboral
Así, pasan de aplicarlle aos tripulantes un coeficiente do 0,40 - que estivo recoñecido até o 2015 - a aplicarlle un do 0,25 a 0,35 en función do tamaño da embarcación. Esta decisión implica que os traballadores verán aumentada a súa vida laboral. "A decisión do Goberno español representa unha auténtica irresponsabilidade, vulnera os dereitos dos mariñeiros galegos e provocará accidentes no mar ao elevar a idade das tripulacións", sinalan os nacionalistas.
Desta forma o BNG esixirá a retirada desta decisión ademais de conseguir que a Xunta de Galicia adquira o compromiso de demandar do Goberno español a retira desta medida tendo en conta que este problema afecta esencialmente a mariñeiros galegos embarcados nas frotas de altura e grande altura. Así, poñerán en marcha unha campaña baixo o
lema "Os mariñeiros galegos teñen dereito a unha xubilación digna" na que se contemplan actos públicos e asembleas de explicación do problema., apoio ao proceso de mobilización promovido pola CIG, reparto de material gráfico en portos, lonxas e outros espazos dos concellos do litoral galego e a presentación de mocións en todos os municipios costeiros e de iniciativas no Parlamento galego.
Reunión en Madrid
Precisamente hoxe terá lugar na sede do Instituto Social da Mariña - situada en Madrid - unha reunión á que asistirá unha comisión de afectados e representantes da dirección xeral da Mariña Mercante.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- BNG