Venres. 26.04.2024
El tiempo

O calamar xigante de Camariñas

O calamar xigante de Camariñas
Recorte de periodico dos anos 70 co calamar xigante da Coruna Recorte de prensa dos anos 70 co calamar xigante da Coruña, de CamariñasFoto familiar dun Calamar Xigante pescado en Camarinas Foto familiar do Calamar Xigante pescado en Camariñas

Certos sucesos da historia da Costa da Morte cando se escoitan pola rúa parecen mitoloxía pura, fantasía. Pero en moitas destas crónicas marítimas orais fascinantes cando indagamos profundamente na fonte viva máis axeitada atopámonos fronte a fronte coa realidade máis incrible. E este é o caso. O gran caso. Setenta kilos de caso.

Foi polos anos 70 cando a prensa nacional se facía cunha fotografía en papel e, sen posibilidades para obter máis datos, engadiron un texto absolutamente inventado acompañando a gran nova do ano: O CALAMAR XIGANTE DE CAMARIÑAS. Mais hoxe quero aproveitar o meu bautizo como “reporteiro de guerra” en Quepasanacosta para correxir parte da información daquel suceso e desmitificar esta lenda pouco coñecida que certamente sucedeu como no conto de Ernest Hemingway, “El viejo y el mar”.

Mais era un camariñán en augas de Camariñas (O Adriano de alcume) o que loitou dende a súa gamela cun arquiteutis de máis de 70 quilogramos. Segundo o relato dos parentes do pescador, (Jose Lorenzo Blanco, xa falecido no ano 1974), marcou un “record guiness” europeo e mundial tamén o día que trouxo ata terra firme este coloso exemplar.

O cebo usado foi unha chinche, como din en Camariñas, do badexo, artesanal, e tivo a axuda totalmente imprescindible de outro pescador (tamén xubilado) que se atopaba pescando preto para dar amarrado este mosntro pola borda. É máis que razoable que nesa pequena lancha non se usaron redes e curiosamente o xornalista que redactou aquela pequena crónica chamou “molusco” a ese architeuthis que tanto deu que falar naqueles tempos. Outros exemplares foron capturados posteriormente con redes e é vox populi que estes animais teñen o seu hábitat nas nosas augas litorais.

E aquel home afeccionado a pescar con liñas e poteiras prominentes sempre contaba a todos que pescaría o meirande calamar da historia cun rizón, (cunha ancla), e só era cuestión de insistencia. Unha gran mañá e estar no lugar e no momento axeitado para que o seu soño se fixese real.

Respectando a súa memoria e con todo o meu cariño para o seu fillo Suso e familia, por abrirme con moita amabilidade a súa casa, para rescatar este fermosa historia que aquí deixo a modo de homenaxe aos pescadores deportivos da nosa costeira (eu incluido) que soñamos sempre con ese gran calamar mentres desfrutamos das nosas doce millas de mar e de grandes soños. Vai por vós.

 

* Chincha do badexo = é un cebo artesanal plomado con pelo animal e ganchos que se usaba para a pesca vertical (gig-casting).

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios