Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Pescadores e consumidores asumen o comezo da veda do polbo

Pescadores e consumidores asumen o comezo da veda do polbo
Pulpo ovado A captura de polbos ovados fan reflexionar sobre a duración destas vedas-Foto-Fresco y del mar

Tanto o sector, como os consumidores, debemos tomar nota da nova veda do polbo que comeza mañá (ás 16:00h) e estará activa ata o 3 de xullo de 2017. Unha veda necesaria pero se cadra insuficiente dentro do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2017/2018. Un plan que intenta, non sempre con éxito “axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable”.

En todo caso, as capturas desembarcadas o 19 de maio poderán ser comercializadas tamén o 20 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. Este tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas acadadas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

Plan 2017-2018

A Consellería do Mar impuxo un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor mañá e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir do día 3 de xullo –data na que remata a veda- ata o 30 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos/día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos/día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas –aínda que poden saír do porto ás 05:00h- e finalizará ás 16:00 horas e o descanso semanal desenvolverase dende as 16:00 horas do venres ata as 6:00 horas do luns. O número de nasas permitido está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.

Outras novas do mar

Fonte

Comentarios