As Redeiras do Peirao caen na rede do Youtube para buscar o necesario relevo xeracional

Verdadeiras estrellas de cine son xa as redeiras da Costa da Morte. A Federación de Redeiras de Galicia O Peirao xa conta cunha canle de Youtube e os primeiros vídeos tutoriais que veñen de subir son absolutamente impresionantes e serven de guía para todas aquelas persoas que queiran aprender o oficio.
A iniciativa 'Redeiras na rede’, presentado esta semana no Centro Abanca Obra Social de Santiago e que conta coa colaboración da Consellería do Mar (que aportou 3.000€), pretende servir para fomentar o relevo xeracional das redeiras e de promover a súa actividade como parte fundamental das actividades do mar.
A cormelá Rosa Isabel Rodríguez e as malpicás Ángeles Mille, Mercedes Martelo e Verónica Veres son as protagonistas destes tutoriais que permiten coñecer como se traballan as redes de artes como do cerco, do palangre, do arrastre ou de artes menores.