A XXVII Festa do Bolo do Pote viviu unha fin de semana histórica
Dous días na que a tradición culinaria que Rosalía de Castro inmortalizou nos seus versos e que as mulleres de Mazaricos manteñen viva, segue a ser un dos sinais de identidade máis queridos do concello que non deixa de celebrarse dende 1999.
Así se demostrou tanto na xornada do sábado, cos cinco restaurantes que este ano protagonizaban o menú oficial —Asador Manduca, Restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Café Bar A de París e Casa Pego— rexistrando cheos absolutos durante o sábado e o domingo.
E tamén na degustación gratuíta dominical, que superou as 1.000 racións servidas confirmando o bo estado de saúde desta festa gastronómica.
"Un exemplo de traballo colectivo"
O tenente de alcalde de Mazaricos, Jorge Villar, fixo balance ao remate da xornada: "Estamos moi satisfeitos. A resposta da xente foi impresionante, tanto nos restaurantes como na carpa. Isto demostra que a Festa do Bolo do Pote está máis viva que nunca e que o traballo colectivo de hostaleiros, Amas de Casa, Monte Picoto e do propio Concello dá os seus froitos".
Pola súa banda, a deputada Soledad Agra salientou "o valor dunha festa que non só pon en valor a nosa gastronomía, senón que tamén fai visible o papel fundamental das mulleres no mantemento das tradicións e a inclusión a través da colaboración con entidades como ADISBISMUR".
Unha degustación completa e inclusiva

Na carpa da Picota servíronse racións de bolo do pote acompañado de panceta, orella e chourizo, ofrecendo aos asistentes unha mostra completa
dos sabores do cocido tradicional.
Ademais, este ano a experiencia culinaria tivo un compoñente especial de colaboración social: as racións foron servidas en pratos de cerámica
elaborados por ADISBISMUR, a asociación de persoas con discapacidade coa que o Concello de Mazaricos colabora habitualmente. Un xesto que une gastronomía, tradición e inclusión.
Unha edición con sabor a reivindicación

A organización quixo aproveitar a proximidade do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, para facer unha reivindicación visual. As persoas que estiveron detrás dos fogóns luciron mandís de traballo co logo do 8M, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres na transmisión da cociña tradicional e na vida social e económica do rural.







