Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Aquelas vellas maseiras de pedra

Aquelas vellas maseiras de pedra
Conxunto de tres maseiras no lughar de Firvado-Coiro-Mazaricos copia Conxunto de tres maseiras no lughar de Firvado, en Coiro, Mazaricos

A pedra é un dos compoñentes esenciais da cultura galega. Dende os monumentos megalíticos ata ás vilas e cidades de toda caste e tamaño que, antes da incorporación do formigón armado e do ladrillo, tiñan na pedra os fundamentos principais do se carácter. Entre estes dous fitos podemos atopar as pontes que, dende a civilización romana ata as innovacións que trouxo a pasada centuria, unían tódalas ribeiras deste País con máis de mil ríos, como dixo Cunqueiro; as impoñentes catedrais que coas súas elevadas torres semellaban fuxir da limitada existencia circundante; ou os fidalgos pazos rurais dominando, en pretéritas xeracións, o mundo agrario cos seus dereitos de señorío e as súas rendas forais.

Na nosa arquitectura popular a pedra tamén é fundamental, moito menos grandilocuente pero máis próxima aos propios afectos: as casas, alpendres e cortes que configuraban noutrora a totalidade das nosas aldeas; os hórreos que, a modo de muralla, rodeaban os lughares e defendíanos dos ventos e das fames; os muíños que facían cantar os ríos; as igrexas e capelas, aínda que rechamantes, moi afastadas da brillante suntuosidade das sedes episcopais e das enormes estruturas abaciais e conventuais; os cruceiros que aquí e acolá elevaban oracións de perdón ou agradecemento; ou as fontes de sinxelos pichos que, dende máis cerca ou dende máis lonxe, achegaban os mananciais dispensadores de vida aos santuarios milagreiros e aos rueiros aldeáns.

Hoxe concentraremos a nosa atención nuns obxectos moito máis humildes: as maseiras feitas de pedra. Estas pías de granito empregábanse maiormente como comedeiros dos porcos. Mais tamén había outras de maior altura nas que se ía depositando auga para beber as vacas e as bestas. Na casa na que eu nacín, á beira do pozo, había un pío bastante longo que se enchía a miúdo para dispor, cando conviñera, dunha pequena reserva de auga sen ter que subila caldeiro a caldeiro nun intre de apuro.

A orixe da utilización dun material tan contundente como o granito pode estar motivada polo seu nacemento en tempos moi antigos e por axeitarse perfectamente ás diferentes funcións que podía cumprir.

Hai unha cantarea moi popular na que un mozo lle pide a Santo Antoniño Bendito a forza que o porco ten no fociño para “salva sea la parte”. Como é proverbial a potencia que o cocho posúe no morro, para os seus comedeiros había que buscar o material máis duro, a madeira desfacíana do pé pra man.

A procedencia do nome deste aparello agropecuario non está nada claro. Poida que estea relacionado con outra posible utilidade, tamén dende épocas remotas: unha versión pétrea e moi anterior da artesa que todos coñecemos, e na que se amasaba o pan e a boroa. A sidra é unha das bebidas alcohólicas máis antigas que se coñecen, xa se consumía no noroeste da Península Ibérica con anterioridade á chegada dos romanos. A introdución da vide desprazou ou restrinxiu o seu uso en moitos lugares debido ao seu escaso tempo de conservación. Neste sentido, o nome e o trebello que nos ocupa tamén pode ter a súa orixe na destilación das mazás. Ata hai poucos anos en San Lourenzo (Outes) depositaban esta froita en pías de pedra para esmagalas e así extraerlle o zume.      

Pía situada á beira dun pozo nunha casa de Beba-Mazaricos Pía situada á beira dun pozo nunha casa de Beba-Mazaricos

As maseiras ou pías estaban talladas en grandes bloques de granito, conformando unha peza monolítica de eterna perdurabilidade. Polo material utilizado e pola utilidade dentro dos modos e maneiras do vivir dos nosos antepasados, podemos relacionalas con outras pezas de uso diferente mais, tamén, cunha antigüidade moi recuada no tempo. A pedra de facer as filloas seguramente chegou ata nós dende as primeiras experiencias culinarias que houbo neste País. Cos romanos apareceu o sal na nosa sociedade, e con el unha nova maneira de conservar os alimentos. Na casa de miña avoa de Quintáns tíñamos un salghaduiro tallado en pedra e encaixado nunha das paredes da cociña. Se as catedrais e as igrexas máis importantes dignificaban o cruceiro con magníficas cúpulas e medias laranxas; as casas labregas tamén facían uso da bóveda semiesférica para coroar os fornos nos que se cocía o pan de centeo, a boroa e, nas grandes celebracións, o pantrigo. Constituíndo unha das pezas de construción máis complexa e que atinxía a tódolos fogares, ricos e pobres. Os vertedeiros das cociñas cos seus pichos incluídos e con características próximas ás das pías, aínda que dun acabado máis pulido; tiveron a súa orixe nas grandes casas, nos pazos e mosteiros, e só alcanzaron os fogares aldeáns entre finais do século XIX e principios do XX.

As maseiras xa non prestan as funcións que tiñan encomendadas. Atópanse moitas formando parte de improvisadas fontes ou como xardineiras. En todo caso é bo que non desaparezan e sigan formando parte do mundo rural ao que serviron durante tantos séculos.

 

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

Comentarios