Mazaricos 1993: O intenso remate dunha época

08:26 04/08/18
O Concello de Mazaricos estivo bastante illado ata os anos setenta do século pasado. Normalmente afastado das rutas dos viaxeiros, investigadores e curiosos. Contamos con moi pouca bibliografía específica sobre o mesmo, e máis alá das clásicas fotografías familiares, aínda con menos material gráfico anterior aos anos noventa.
A partir de 1991, e dende o propio Concello, intentouse remediar estas carencias impulsando todo tipo de iniciativas que situaran Mazaricos no mapa de Galicia, é dicir, activar o coñecemento do noso territorio con diferentes propostas.
Vén isto a conto porque a finais de maio de 1993 acompañei ao fotógrafo afeccionado Manuel A Ferreiro nun paseo polo noso Axuntamento coa idea de que fixera unha reportaxe para incluíla nunha revista editada polo Concello. Esta publicación non chegou a realizarse, aínda que algunhas fotos apareceron estampadas en diferentes folletos promovidos polo ente municipal en anos posteriores.
Nun día luminoso e calorento percorremos varios lugares considerados de interese. Un dos que non podía faltar era o cruceiro do Cirolán, situado á beira da ponte que os de Suevos chaman Va de Lavandeira. Cando chegamos alí xa ía a tarde ben avanzada. A intención inicial era fotografar as singularidades do desencravo, que son moitas. Supoño que algo se faría neste sentido. Se así foi, en todo caso os resultados víronse eclipsados por tres instantáneas nas que aparece o cruceiro, aínda que a parte fundamental das mesmas é o ambiente social e paisaxístico que o rodea. Son tres fotografías cuns encadres perfectamente estudados polo autor, nas que os protagonistas pertencen á familia dos Noia de Suevos, e a súa orde de realización foi da seguinte maneira.
Foto de Manuel A Ferreiro no Mazaricos de 1993
Primeiro chegou Francisco do Noia co seu Barreiros cargado de batume. Polos anos de que falamos aquel tractor era, practicamente, unha peza de museo. Outro tanto podemos dicir da carga que traía. Dende finais dos anos setenta do século pasado a construción xeneralizada de cortes “á moderna” desterrara o uso da balumada da cama dos animais e tamén o seu resultante, o esterco, como fertilizante dos cultivos agrarios.
Despois viñeron guiando as vacas a nai e a muller de Francisco, Cándida e Maruja, ao mesmo tempo pasou outra veciña do lughar conducindo o seu tractor en sentido contrario. Estaba claro que chegáramos en hora punta. As vacas na súa maioría rubias do País, dispuxéronse a beber das augas do, aínda mozo, río Beba.
Foto de Manuel A Ferreiro no Mazaricos de 1993
Foto de duas labregas de Manuel A Ferreiro por Mazaricos en 1993
Para a terceira imaxe dixémoslles ás mulleres, sogra e nora, se lles podíamos sacar unha foto, ao que accederon gustosas. Aí as tendes coa roupa de traballo, erguidas e cun leve sorriso. E aínda que Cándida e Maruja se puxeron para a foto, fixérono sen remosquetes nin “postureos”, con toda a austera dignidade da xente que vive cos pés na terra. Terra da que, con traballos e suores, recibe todo o seu sustento.
Os tres membros desta familia tiveran unha tarde de traballo, apañaran o mato, cargárano, atenderan as vacas e agora retornaban ao fogar para continuaren con outras tarefas, antes de concederse un curto e merecido descanso.
Estas tres fotografías sinalan o final dunha época, e non me refiro unicamente ao vetusto Barreiros: agora as vacas xa non saen desas inmensas naves nas que están presadas. Cóntanse as que teñen a sorte de pacer e rebuldar polos herbais e de beber nos regos. O mato e o esterco xa desapareceron dos manexos agrarios e gandeiros da contemporaneidade. Na carreira da industrialización da agricultura non todos levaban a mesma velocidade. Algúns coma os Noia conformáronse con trocar o carro do País polo tractor, outros foron moito máis aló. Os Noia e os que estaban na súa situación, acabaron abandonando a actividade agrogandeira; os que optaron por seguir os modelos implantados na Europa máis desenvolvida, non sen problemas, seguen dándolle vida ao noso campo.
Falei no título de intensidade, e fíxeno porque creo que o autor das fotografías, Manuel A Ferreiro, soubo captar con grande acerto a cegadora claridade dun raiolante día de maio. A forte saturación da cor con esas augas turquesa, os verdes aínda enchoupados de humidade, o dourado brillo das vacas, ou as variadas e vivas tonalidades que presentan os sinxelos atavíos dos nosos protagonistas. A densidade das sombras que anuncian a poderosa forza do verán que está ás portas. A dureza dun día máis de traballo. A profunda dignidade desta xente de ben. En resumo, a intensidade da vida.



- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo
- O último carro de vacas de Mazaricos.
- O CAP Finisterre: Un Transatlántico que facía a ruta das Américas nos tempos das grandes migracións
- O Alalá de Mazaricos nunha gravación histórica de 1928.
- A Ponte da Olveira: Unha recuperación necesaria.
- No tempo das vodas: Un contrato de dote do ano 1715.
- Dos toxos que visten de ouro os nosos montes e da súa importancia na agricultura tradicional.
- Unha pequena historia do servizo de Correos na Costa da Morte ata finais do século XIX.
- O Camiño pasa por Mazaricos.
- O proceso de creación dos concellos actuais. Algúns exemplos da Costa da Morte.
- Un muíño na escola.
- Na Feira das Bestas de Mazaricos.
- A creación da Casa do Concello de Mazaricos.
- O Cruceiro do Sicho dos Outeiros:
- Recuperando as casas máis antigas de Mazaricos.
- Suso Jurjo recupera a Marqueta, un xogo popular de Mazaricos.
- O carballo do Adro de San Cosme de Antes.
- Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso.
- Unha viaxe histórica ao Entruido de Mazaricos.
- Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista.
- De carballos e de carballeiras.
- 1965: Mazaricáns en Hannover.
- A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos.
- Unha corredoira do lugar de Campelo.
- O Cruceiro do Ciroláns de Suevos.
- As dúas fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota.
- 2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna:
- A patria é a terra e mais os mortos.
- A nova misa do Cura de Ghirra no Mazaricos de 1965.
- Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- Houbo suevos en Suevos?.
- As mallas da miña infancia. Golpe na eira que hai malladeira.
- O antes e o agora do primeiro coche do Riolo.
- Os 15 votantes nas eleccións ás Cortes no Mazaricos de 1836
- As Feiras da Picota nos anos 50.
- O Cine Vello da Picota.
- Segando en Mazaricos aló polo século XVIII.
- Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido.
- Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello.
- A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC.