Mazaricos: O pasodobre composto por Manolo González Otero e cantado por Ana Kiro
MAZARICOS Onde os homes se encadean á morriña e as mulleres súan bágoas de tristura, foi creado Mazaricos, terra miña, con mosaicos de nobreza e fermosura. Paraíso virxinal da natureza, cadro verde, que no ceo espellea, onde é doado perder a cabeza por un mociño de calquera aldea. Cando en terras de fóra lembro as túas festas, un regueiro de bágoas derramo por ti, porque voar quixera para chegar a elas, e na Virxe do Monte cantarche así:
RETROUSO Mazaricos, Mazaricos, fogar bendito do Olimpo Celta, traio moreas de bicos prás túas xente e prá miña terra. Miña Virxe da Romaxe, que por nós velas no alto do monte, pídelle a Deus que sempre nos axude, pra que os teus fillos volvan con saúde, ledos á casa que deixaron onte.
II De esperanzas e ilusións coa alma chea, cun entullo de lembranzas no meu peito, xa de nena abandonei a miña aldea, decidida percorrer o mundo a eito. Fun por mares, pobos, vilas e cidades, espetando sentimentos de amargura, rubricados con morriñas e soidades por Mazaricos que é a gloria pura. Berce dos meus antergos, non podo esquecerte e, de calquera punto lémbrome de ti, cando lonxe me atopo eu morro por verte e na Virxe do Monte cantarche así: RETROUSO...
Como podedes comprobar, a letra, a pesar de estar cargada de lugares comúns que xa temos oído e lido centos de veces referidos a Galicia en xeral ou algún lugar concreto en particular; non deixa de resultar suxerinte e agradable que sexa o noso anaquiño de País o obxecto de tan fermosas gabanzas, esplendidamente cantadas e ata recitadas por Ana Kiro. Desta mesma peza, Manolo González compuxo unha versión para acordeón sen letra, que leva por título MAZARICOS TERRA MIÑA e que se atopa entre os temas máis interpretados e gravados polos acordeonistas de todo o estado. Despois daquelas numerosas actuacións de Ana Kiro na Sala de Festas do Pino de Val, coido que non volveu cantar no noso Concello ata o 24 de xuño de 1997. Contratada pola Comisión de Festas da parroquia de Mazaricos formada por Francisco Rey Caamaño, Daniel Rodríguez García, Francisco Del Rio Senra, Ramón Otero Otero, Jesús Moledo Antelo e José Luis Atán Jurjo. Naquel día de San Xoán na Picota, a gran dama da canción galega puido presentar, en vivo e en directo, diante de miles de mazaricáns o xa sonado pasodobre. Ademais de ofrecervos a canción que nos dou pé a esta xa longa “palabrería”, quixen ilustrala cunha serie de imaxes representativas dos valores paisaxísticos e humanos enxalzados no tema, e do desenvolvemento da romaría da Virxe do Monte, protagonistas dos versos escritos por Manolo González e cantados por Ana Kiro. O resultado é o vídeo que complementa este texto. Para a súa realización escollín fotografías de diversos autores e épocas. O grupo máis numeroso está composto por quince imaxes feitas por José Ramón Esperante Otero, moi simbólicas de distintos aspectos do noso Concello. Completan esta sección oito fotos miñas e cadansúa de Xoán Ramón Alvite Alvite, Sara Torreiro e Manuel A Ferreiro. Das magníficas reportaxes que ilustran a actividade da Asociación Xuventude de Coiro, realizadas por Jorge Antelo Carreira, escollín nove que plasman as celebracións da Romaxe e unha da verbena do Anxo da Garda. Neste grupo incluín tamén unha das inmediacións da capela da Virxe do Monte e outra da zona de cantinas e postos de venda, pertencentes a un fondo que posúe o Concello de Mazaricos. O vídeo remata coas portadas de dous albumes musicais: a primeira dun disco de Manolo González que plasma a súa figura tocando o acordeón, e a última coa carauta da casete A Flor do Toxo de Ana Kiro. En total corenta fotografías que intentan, non sei se o conseguen, complementar a mensaxe sonora deste representativo pasodobre. Teño que agradecerlle aos seus autores a existencia de todo este repertorio de imaxes que saen no vídeo. Tampouco podo esquecer a sempre óptima colaboración de José Ramón Esperante Otero (JR Esperante ou José Ramón do Creguiño de Sanfoga). El foi o responsable da montaxe do vídeo unindo a selección de fotografías coa banda sonora; para o que antes tivo que capturar a canción da miña vella casete de 1992.- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo
- Nacemento e evolución do Pino do Val.
- Os homes e mulleres que construíron a Casa Consistorial de Mazaricos.
- Mazaricos 1993: O intenso remate dunha época.
- O último carro de vacas de Mazaricos.
- O CAP Finisterre: Un Transatlántico que facía a ruta das Américas nos tempos das grandes migracións
- O Alalá de Mazaricos nunha gravación histórica de 1928.
- A Ponte da Olveira: Unha recuperación necesaria.
- No tempo das vodas: Un contrato de dote do ano 1715.
- Dos toxos que visten de ouro os nosos montes e da súa importancia na agricultura tradicional.
- Unha pequena historia do servizo de Correos na Costa da Morte ata finais do século XIX.
- O Camiño pasa por Mazaricos.
- O proceso de creación dos concellos actuais. Algúns exemplos da Costa da Morte.
- Un muíño na escola.
- Na Feira das Bestas de Mazaricos.
- A creación da Casa do Concello de Mazaricos.
- O Cruceiro do Sicho dos Outeiros:
- Recuperando as casas máis antigas de Mazaricos.
- Suso Jurjo recupera a Marqueta, un xogo popular de Mazaricos.
- O carballo do Adro de San Cosme de Antes.
- Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso.
- Unha viaxe histórica ao Entruido de Mazaricos.
- Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista.
- De carballos e de carballeiras.
- 1965: Mazaricáns en Hannover.
- A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos.
- Unha corredoira do lugar de Campelo.
- O Cruceiro do Ciroláns de Suevos.
- As dúas fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota.
- 2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna:
- A patria é a terra e mais os mortos.
- A nova misa do Cura de Ghirra no Mazaricos de 1965.
- Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- Houbo suevos en Suevos?.
- As mallas da miña infancia. Golpe na eira que hai malladeira.
- O antes e o agora do primeiro coche do Riolo.
- Os 15 votantes nas eleccións ás Cortes no Mazaricos de 1836
- As Feiras da Picota nos anos 50.
- O Cine Vello da Picota.
- Segando en Mazaricos aló polo século XVIII.
- Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido.
- Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello.
- A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC.