Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Mazaricos vive unha fin de semana de teatro veciñal

5x5 MAZARICOS
A veciñanza de Mazaricos será protagonista
Mazaricos vive unha fin de semana de teatro veciñal
A Casa de Cultura da Picota acollerá este venres ás 20h a representación da peza teatral 'Serán', dirixida por Arantza Villar. Trátase da primeira parada da Mostra Itinerante de Teatro Amador 5x5 que percorrerá cinco municipios do Camiño de Santiago nos que se desenvolveron aulas interxeracionais de teatro. Os protagonistas da obra de hoxe serán un grupo de 14 mazaricás e mazaricáns de diversas idades -entre os 24 e os 80 anos- e perfís unidos pola vontade de experimentar o mundo da interpretación, unha ferramenta, en palabras da organización, de cambio individual e social.

Todas as obras de teatro da iniciativa xorden dos obradoiros gratuítos aos que asistiron os intérpretes, en todos os casos veciños das localidades, que se prolongaron durante os últimos meses.

Para José Díaz, creador e produtor da actividade, “un dos obxectivos de 5x5 é o de empregar o teatro como terapia, como unha ferramenta para combater o sedentarismo, o aburrimento, o individualismo, a dependencia tecnolóxica ou a falla de autoestima”. A directora da primeira peza a estrear en Mazaricos, Arantza Villar,, destaca que se creou “unha enerxía moi bonita” xa que “o grupo tiña moita confianza e moitas ganas de compartir experiencias”. A ampla maioría do grupo sobe por primeira vez a un escenario.

3 obras veciñais na fin de semana

O teatro prolongarase toda a fin de semana. Logo da obra do venres, representarase 'Enredos' ás 20h do sábado na Casa de Cultura co grupo de Silleda. Pecharase esta primeira xeira da Mostra coa representación, o domingo ás 19h, de 'O roce fai rozaduras' por parte de veciñas e veciños de Allariz.. Todas as entradas son gratuítas.

CARTEL 5x5_MAZARICOS (2)

A iniciativa financiouse cos fondos UE Next Generation e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Cultura e Deporte, a través do programa Territorio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O Concello de Mazaricos tamén levou a cabo un importante esforzo económico para facer realidade o proxecto.
A mostra visitará posteriormente Allariz, Lalín, Silleda e Vedra.

Comentarios