Mazaricos volve despedir o ano correndo, brindando con leite e indo en bus a Santa Comba


Un dos máis singulares fin de ano da comarca é o de Mazaricos. O 31 arrinca de visita ao Belén de Eucalipto, esa iniciativa que traspasa fronteiras facendo patente a loita, tamén dende o Concello, contra esta especie. Un Belén que ademais te pode levar de viaxe, pois a campaña ”Pasa o Nadal en MZ” sortea unha fin de semana entre os que suban unha foto ás redes cos cancelos #nadalmz e #mazaricos.



A partir das 16:00h toca poñer as mallas, e correr na III Carreira San Silvestre do Leite, para a na que aínda hai prazo para anotarse no 981 86 71 09..
E a partir das 16.45h na Casa da Cultura de Mazaricos volverase brindar con leite. Un xeito de despedir o ano homenaxeando a vocación agrogandeira do Concello e para continuar a demostrar orgullo do pobo.
E como por Mazaricos non hai pubs, o Concello arma un bus para ir de festa a Santa Comba, unha iniciativa fantásticas que lembra aqueles estupendos tempos do Noitebús.
Ademais, xa andan os Reis preparados para o 5 de xaneiro cando volva a “tractorgata” na que as Súas Maxestades tirarán caramelos desde tractores antes de atender ás nenas e nenos na Casa de Cultura.