Venres. 29.03.2024
El tiempo

A mocidade de Mazaricos prepara a decoración da Feira de Nadal

Mocidade Mazaricos
A mocidade de Mazaricos prepara a decoración da Feira de Nadal

A I Feira de Nadal de Mazaricos celebrarase entre o venres 17 e o domingo 19 de decembro no recinto feiral da Picota. E toda a decoración da feira foi realizada por nenas e nenos de Mazaricos dentro dos obradoiros de manualidades de outono organizados polo Concello. Nesta actividade, a rapazada puido sacar todo o seu espírito artístico a través da utilización de materiais caseiros e naturais (madeira, teas, landras...).

O evento reunirá arredor de 25 postos comerciais de negocios de Mazaricos e a súa contorna, ofrecendo aos visitantes un espazo onde facer compras de Nadal e tamén onde desfrutar de atractivos como a decoración, a música tradicional ou a gastronomía.

A inauguración da Feira de Nadal terá lugar a partir das 18h do venres 17. No acto inaugurarase o Belén artesanal e rematará con merenda, música e panxoliñas tradicionais. O sábado e o domingo, a Feira permanecerá aberta entre as 10h e as 20h ambos os dous días.

Feira de Nadal de Mazaricos 2021

En palabras do concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín, “despois do exitazo do Festifolk do pasado verán chega agora un evento que servirá como un equivalente de inverno para difundir tanto a nosa cultura como o noso comercio”. O edil agradeceu o traballo das nenas e nenos de Mazaricos na elaboración da decoración e amosou a súa satisfacción porque “un evento tan importante como a Feira de Nadal” vaia contar cunha “decoración ecolóxica, artesanal e resultado do esforzo e o talento das nosas nenas e nenos”. “Vaille encantar a todo o mundo”, prometeu.

Comentarios