Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O MZFolk trae a Mazaricos 3 días de música tradicional, artesanía e comercio local

MZFOLK 2022
O MZFolk trae a Mazaricos 3 días de música tradicional, artesanía e comercio local

Mazaricos volve organizar un evento de posta en valor e difusión da nosa cultura, música e artesanía tradicional na última fin de semana do mes de xullo. O MZFolk recolle o espírito do Festifolk celebrado en 2021 e estende as actividades ata tres días. Deste modo, o Recinto Feiral da Picota acollerá concertos, postos de comercio local e artesanía, obradoiros e demostracións en vivo de artesanía, xogos infantís tradicionais e moito máis entre a tarde do venres 29 e o domingo 31.

Un Recinto que ademais se vestirá de gala para reivindicar toda a forza e a memoria do mundo tradicional mazaricán e galego. A decoración foi feita con mimo e esforzo por parte das rapazas e rapaces participantes nos obradoiros de manualidades que organiza o Concello para homenaxear o mundo rural. Haberá enfeites con estes motivos por todo o recinto, incluíndo medas, apeiros de labranzas, teas e madeira. Ademais, colocarase un photocall onde as persoas visitantes poderán fotografarse simulando portar traxes tradicionais.

Mercedes Peón

Mercedes Peon no mzfolk

Un dos pratos fortes dese MZFolk será a actuación de Mercedes Peón, unha das voces máis recoñecibles da música galega. O seu espectáculo “Déixaas”, de estilo folk-trad, confirma á artista como referente internacional da música de raíz e xenuina. A actuación terá lugar ás 23h do sábado 30 no mesmo espazo do MZFolk, con entrada libre.

Tres días e un intenso programa de actividades

O recinto Feiral da Picota estará cheo de variedade. O venres 29 de xullo terá lugar a inauguración ás 18h cunha merenda de balde de petiscos e refrescos para todas as e os asistentes. Haberá actuacións con instrumentos tradicionais, xogos para os máis pequenos, e por suposto postos de artesanía e comercio local, que se manterán durante o sábado e domingo.

O sábado 30, o Recinto abrirá as súas portas ás 10h. Igual que no día anterior, haberá postos comerciais e xogos para a rapazada, así como demostracións en vivo de artesanía. Ás 13h terá lugar unha degustación de carne de Mazaricos a cargo do Asador Manduca.
Pola tarde, dende as 16h, haberá obradoiros gratuítos de artesanía de trenzado de palla (Trenzarte), cerámica con Feituras Buño e diversos materiais de “Como pez en el agua.” Ademais, habilitaranse food trucks e unha cantina para a venda de comida e bebida. Aínda que os distintos postos da feira pecharán as súas actividades ás 21h, o MZFolk continúa e ás 23h terá lugar o concerto de Mercedes Peón.

O domingo 31 o MZFolk volverá dar comezo ás 10h da mañá, novamente con postos de comercio local e artesanía, demostracións en directo e xogos infantís durante toda a mañá. A Charanga Mecánica amenizará a festa entre as 12h e as 14h. Pola tarde, desde as 16h, haberá inchables e xogos tradicionais de madeira para as nenas e nenos. Como o día anterior, habilitarase un servizo de cantina e foodtrucks. A última hora sortearanse tres xamóns entre as persoas que depositen as rifas que xa se están distribuíndo no comercio local mazaricán, e que tamén se repartirán nos postos comerciais durante todo o MZFolk.

Comentarios